Wave é a nova proposta de Google. Nesta ocasión a empresa propietaria dun dos máis populares motores de procura na rede non só busca crear un aplicativo revolucionario, senón estabelecer unha plataforma e un protocolo para cambiar as formas de interacción en liña.
Trátase dun aplicativo de código aberto que permite integrar ferramentas de comunicación e colaboración nun mesmo espazo, cambiando por completo o paradigma dos correos electrónicos e creando un espazo de conversación onde se integran as mensaxes dos participantes de forma síncrona e asíncrona.
Este aplicativo mestura características de Gmail, Google Talk e Google Docs co obxecto de integrar nun só lugar a información de diferentes actividades e conversacións dispersas, o que permite consolidar e evitar a perdida de información importante que se vai creando ao longo dun fluxo de traballo.
Con isto albíscanse as novas posibilidades que se abren para a educación a distancia ou o teletraballo -algo no que xa viña traballando a empresa 37signal con Basecamp (o cal, por certo, empregan os integrantes do equipo da Navalla Suiza).
A intención de Google ao crear esta aplicativo como código aberto é permitirlles aos desenvolvedores crear as súas propias ferramentas, extensións e integracións para explotar por completo todas as posibilidades de Wave. Polo que xa se puido ver do novo aplicativo, a integración noutros contornos de comunicación como blogs ou redes sociais non parece ter límites.
A este respecto,e a falta de ter aínda Wave operativo, Google xa lanzou o Protocolo Wave que ata certo punto cobre o que fai o SMTP e permite que sexa distribuído e interoperábel entre diferentes provedores. O protocolo é aberto e pódese colaborar co seu desenvolvemento (principios da comunidade, o draft do protocolo e documentación da arquitectura).
De momento aínda non se anunciou cando estará dispoñíbel Google Wave, no entanto apúntase que podería ser neste ano.
Fonte: Google Wave
