Onte mesmo anunciouse a saída de phpMyAdmin 3.2.0, versión que inclúe algunhas novas características e varias correccións de erros.
No rexistro de cambios desta versión podemos destacar:
- Limpeza do código XHTML.
- Maior compatibilidade para personalización por parte dos distribuidores.
- Pódese configurar o conxunto de caracteres ao facer unha importación.
- Optimizacións para certos bucles de PHP.
Tamén podemos ver entre as novidades desta versión, dentro do apartado de idiomas, que houbo actualizacións na tradución ao galego deste aplicativo. Estas actualizacións foron obra de Xosé Calvo, membro da comunidade de tradutores de software libre ao galego.
phpMyAdmin é unha ferramenta libre para a administración de MySQL escrita na linguaxe PHP. Permite realizar unha gran cantidade de operacións con MySQL. As operacións máis frecuentes (xestión de bases de datos, táboas, campos, relacións, índices, usuarios, permisos…) pódense realizar dende a interface gráfica, e sempre se pode ademais executar calquera sentencia SQL directamente.
Entre as características que fan de phpMyAdmin un dos aplicativos máis coñecidos e empregados para a xestión de bases de datos MySQL podemos destacar a súa intuitiva interface, a capacidade para importar datos dente ficheiros .csv e .sql, a capacidade de exportar a múltiplos formatos (CSV, SQL, XML, PDF…), buscas globais na base de datos, e moitas máis.
Fonte: Páxina oficial de phpMyAdmin
