O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) anuncia o GPUL Summer Of Code.
Consiste nun programa que permitirá a un/unha estudante con enormes ganas de aprender e de involucrarse nun proxecto de software libre, desenvolver unha aplicación web real e desenvolvida netamente en Galicia coas máis modernas tecnoloxías, con licenza libre, e todo baixo a cobertura da propia asociación.
A persoa escollida disporá dun espazo para traballar no despacho de GPUL na Facultade de Informática da UDC, se o prefire ao teletraballo, recibirá asesoramento para presentar o proxecto ao Concurso Universitario de Software Libre e ao Premio ao mellor TFG de Software Libre se o desexa e recibirá unha retribución de 400 € mensuais durante os 3 meses que durará o programa.
Para apuntarse únicamente é preciso enviar un email a info@gpul.org co currículo ou perfil de LinkedIn, o expediente académico e a conta de GitHub ou un pedazo de código que fixera o alumno, como unha práctica da carreira por exemplo.
O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) non cesa no seu empeño de promover o desenvolvemento de software libre na comunidade galega e, tras os GPUL Labs que foron todo un éxito e polos que pasaron máis de 400 asistentes esta vez deciden lanzarse con este novo proxecto. Agradecen enormemente a maior difusión do proxecto posible para convertelo nun referente a nivel local dentro do software libre co fin de animar a outras entidades a impulsar actividades similares e crear unha cultura de desenvolvemento libre na comunidade galega.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación desenvolve en colaboración coa AMTEGA ao abeiro do convenio de colaboración asinado para a difusión do software libre en Galicia e forma parte do Plan de Acción en materia de software libre 2016 da Amtega.
