A cidade de Granada acollerá os días 12 e 13 de xaneiro a Conferencia Internacional de Software Libre (OSWC) 2012, unha das principais citas a nivel internacional do ámbito do software libre e os estándares abertos. O evento organizado pola Junta de Andalucía, a través da Consejería de Economía, Innovación y Ciencia, conta co apoio e respaldo da Junta de Extremadura e do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (CENATIC), así como coa colaboración de empresas do sector das TIC.
Baixo o lema “Un negocio aberto” a conferencia procura converterse nun foro de encontro para profesionais de empresas usuarias e provedoras de servizos tecnolóxicos e administracións públicas. A clara orientación ao ámbito empresarial fomentará o intercambio de experiencias, colaboracións e novos negocios entre os asistentes.
Nesta nova edición a OSWC tratará de establecer oportunidades de negocio en torno ao software libre, achegando oferta e demanda na procura dun obxectivo común que permita reducir custos e crecer de xeito sostible. Será ademais un espazo de intercambio de experiencias en torno á migración a software libre en organizacións e Administracións Públicas.
Fonte: Open Source World Conference
