Curso da "Universidade de Verán 2009" da Universidade de Santiago de Compostela
A Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago (AULUSC), xunto coa Vicerreitoría de Cultura e o Departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago de Compostela, organizan o vindeiro mes de xullo a segunda edición das Xornadas de Control Automático e Robótica con Ferramentas Open Source.
O curso, que se desenvolverá entre o 14 e o 17 de xullo, enmárcase dentro do programa de formación estival da USC, “Universidade de Verán 2009”, co propósito de dotar o alumnado dun coñecemento básico no control automático e nos rudimentos básicos da robótica con microcontroladores, empregando en todo momento licenzas libres.
Os sistemas de control automático e os sistemas autónomos permiten automatizar unha gran cantidade de procesos industriais e domóticos e, aínda que no mercado existen múltiples alternativas, o curso proporá unha introdución ás solucións baseadas en deseños libres que, ademais de ser completamente funcionais, facilitan a súa introdución nas PEMES e no ensino.
Para isto, durante a actividade, presentarase de forma práctica tanto o uso de hardware libre Arduino como as ferramentas de programación necesarias e dispoñíbeis en GNU/Linux. Como complemento, haberá tamén conferencias sobre robótica e obradoiros nos que se programará un minirobot móbil autónomo.
As xornadas consistirán nun 25% de exposición interactiva e nun 42% de prácticas sobre hardware. Para o maior aproveitamento deste curso, o único requisito solicitado será o coñecemento básico dalgunha linguaxe de programación estruturada.
Ofertaranse un total de 50 prazas, que se outorgarán por orde de inscrición. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro 3 de xullo, aínda que os organizadores insisten en formalizala canto antes debido ao interese que este tipo de actividade suscitou en anteriores encontros (primeira edición das xornadas, obradoiro no XGN…).
Para os estudantes da USC, este curso outorgará dous créditos de libre configuración.
Máis información: http://www.dec.usc.es/xcarfos/
