Mancomún

Imaxin presenta melloras no OpenTrad

Xoves, 5 Xuño 2008
Un estudo da USC analiza comparativamente os tradutores automáticos

O sistema de tradución automático OpenTrad incorporará un importante desenvolvemento de mellora, que consistirá na inclusión do español e o portugués á aplicación. Baixo o lema “Acurtando distancias entre Portugal e Galicia”, a iniciativa pretende ofrecer un servizo de maior calidade e potencialidade.

As novas opcións de tradución do OpenTrad presentaranse hoxe ás 11:30 horas no Club Internacional de Prensa de Santiago. A este acto acudirán, entre outros representantes do tecido tecnolóxico galego, Xavier Alcalá, enxeñeiro de telecomunicacións, escritor e director do proxecto do Dicionario Enciclopédico das TIC, así como os representantes da firma Imaxin, Diego Vázquez e José Ramón Pichel.

OpenTrand é un sistema de tradución automática en código aberto para todas as linguas do Estado e de uso gratuíto para todo o público. Até o de agora a aplicación funcionaba para a tradución bidireccional entre os pares español-galego e español-catalán e a tradución do par español-éuscaro. Opentrad está deseñado para ser adaptado e configurado segundo as necesidades dos usuarios, permitindo a súa integración con calquera outro sistema.

Opentrad está a ser utilizado por millares de usuarios para traducir textos, documentos ou Webs mediante a tradución das páxinas ao navegar na Internet. Outros usuarios utilízano para ofrecer as súas páxinas persoais, empresariais, blogs, etc. en galego, español, catalán e éuscaro.

Análise comparativa da USC entre tradutores

A USC vén de publicar na súa web un estudo comparativo entres tres tradutores automáticos. Un é o tradutor es►gl, que agora a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en liña. Os outros dous son o tradutores baseados na tecnoloxía de software libre Opentrad, pero con dúas personalizacións. Unha feita pola empresa de programación Imaxín e outra, Traducíndote, desenvolvido por Óscar Hermida López.

A análise, realizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade, pretende poñer de manifesto as eivas e vantaxes de cada un destes tradutores e a súa evolución nos últimos anos cara a un mellor resultado na conversión.

O estudo conclúe que, como produto máis completo e coidado, o tradutor de Imaxin é o que mellor valoración merece, polo feito de permitir traducir arquivos, anacos de textos e permitir navegar en galego. Non obstante, como produto máis usable, os investigadores da USC determinan que ha de ter mellor consideración Traducíndote, xa que traduce arquivos nas dúas direccións e sen ter que andar mudando a súa configuración e respectando os formatos dos documentos.

 Fontes: Código Cero e USC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal