Klavaro é un aplicativo multiplataforma que che permite aprender a manexar o teclado do teu computador de maneira que poidas lograr a velocidade, precisión e corrección dun bo mecanógrafo aforrándoche moito tempo.
O menú do aplicativo divídese en varias seccións, segundo o seu grao de dificultade:
- Nivel 0 ou de introdución: neste nivel explícanse os conceptos básicos, como poñer os dedos no teclado, que letras se pulsan con cada dedo, etc… usando un sinxelo asistente
- Nivel 1 ou curso básico: consiste en reproducir co teclado os caracteres que van aparecendo en pantalla.
- Nivel 2 ou adaptabilidade: indicado para a memorización das teclas, no cal hai que reproducir as palabras, símbolos e números que aparecen misturados de xeito aleatorio.
- Nivel 3 ou velocidade: similar ao anterior pero no que só practicará con palabras reais e aleatorias de xeito que poida gañar velocidade na escritura.
- Nivel 4 ou fluidez: é o último nivel e nel practicará con textos reais completos e con construcións gramaticais lóxicas.
Algunhas das estatísticas que proporciona o programa son:
- % de erros, precisión, fluidez e tempo.
- Velocidade en palabras por minuto (PPM) e caracteres por segundo (CPS)
Tamén inclúe unha táboa cos mellores rexistros locais e a opción de enviar os teus rexistros a unha táboa de rexistros a nivel mundial.
Outras opcións máis avanzadas, son a posibilidade de elección do idioma dos textos a mecanografar, a posibilidade de crear un mapa do teclado personalizado ou o uso do método de entrada simplificado chamado Dvorak, creado no 1936 e que nunca logrou substituír o método QWERTY.
A continuación podedes atopar unhas capturas de pantalla de Klavaro:

