Mancomún

Linus Torvalds finalista do premio Millenium Technology 2012

Venres, 20 Abril 2012

Premio Millenium TechnologyLinus Torvalds é un dos dous finalistas anunciados onte pola Academia de Tecnoloxía de Finlandia para o premio Millenium Technology 2012. O vindeiro día 13 de xuño coñecerase o gañador do premio quen, ademais do honorífico recoñecemento á súa labor, recibirá 800.000€.

Jim Zemlin, director executivo da Linux Foundation dixo con respecto a esta noticia que “O premio Millenium Technology é como o premio Nobel da Paz da tecnoloxía. Linus Torvalds encarna o espírito da innovación e da colaboración que este premio representa e felicitámolo por esta grande honra.

Linus Torvalds, Finland/USA, foi nomeado finalista en recoñecemento á creación dun novo sistema operativo de código aberto baseado no amplamente usado kernel de Linux. A dispoñibilidade de forma gratuíta de Linux na Internet ten causado unha rápida reacción en cadea que provocou un maior desenvolvemento e posta a punto equivalente a 73.000 anos-home. Hoxe en día millóns de computadores, smartphones ou gravadores de vídeo dixital con Tivo executan Linux.

Os logros de Linus Torvald tiveron un gran impacto no desenvolvemento de software compartido, no traballo en rede, e na apertura de Internet, facéndoa máis accesible para millóns ou billóns de persoas.
Finalistas do premio Millenium Technology 2012

O outro dos finalistas é o Dr. Shinya Yamanaka, Japan, en recoñecemento do descubrimento dun novo método para a xeración de células nai pluripotenciais inducidas para o que non se precisa do uso de células nai embrionarias. Empregando este método para crear células nai, científicos de todo o mundo están realizando grandes avances na investigación sobre probas de drogas e biotecnoloxía médica que algún día podería conducir ao crecemento con éxito de tecidos implantados cirúrxicamente e para combater enfermidades coma o cancro, a diabetes ou o Alzheimer.

O Millenium Technology concédese cada dous anos a persoas cuxa innovación tecnolóxica ten un impacto moi favorable na nosa calidade de vida e o noso benestar. En concreto, busca destacar aquelas innovacións que axudan a enriquecer as vidas diarias das persoas no presente e no futuro. É concedido pola Academia de Tecnoloxía de Finlandia, que é unha fundación independente establecida pola industria e o estado fineses. Academias, universidades, centros de investigación ou comunidades industriais de todo o mundo poden enviar os seus candidatos á academia, e de todos os candidatos, un Comité Internacional de Selección escolle ata 4 finalistas dos que sairá elixido o gañador. Ademais do recoñecemento existe tamén unha achega económica de 1,1 millón de euros que se reparte entre o gañador e o resto de finalistas.

Os gañadores deste premio doutros anos son Sir Tim Berners-Lee, inventor da world wide web, o profesor Shuji Nakamura, inventor de novas fontes de luz revolucionarias, o profesor Robert Langer pola invención e desenvolvemento de innovadores biomateriais para o control da liberación de drogas e rexeneración de tecidos, e o profesor Michael Gratzel polo seu desenvolvemento de innovadoras células solares sensibilizadas por colorante.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal