Mancomún

O CPEIG presenta o estudo “Open Data e RISP, xerando valor social e económico”

Mércores, 18 Abril 2012

Portada do libro sobre Open Data do CPEIGO CPEIG, co apoio da Xunta de Galicia, vén de editar un estudo pioneiro que leva por título Open Data e RISP, xerando valor social e económico. Transparencia e innovación na eAdministración” e que ao longo de 158 páxinas, analiza o contexto actual da iniciativa Open Data, desde as súas orixes e conceptos, o réxime xurídico da iniciativa Open Data, pasando pola opinión dos principais referentes do sector, e concluíndo cunha serie de reflexións e análises sobre o futuro da reutilización da información do sector público.

O libro será presentado hoxe no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, no contexto da Xornada Open Data, Oportunidades de Transparencia na Era da Información organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Axencia de Modernización de Galicia (Amtega).
A apertura de datos ou Open Data é unha iniciativa que promove que os datos e información en poder das administracións públicas sexan expostos e se fagan accesibles á sociedade. Trátase de poñer a información das distintas administracións dispoñible en formatos estándar abertos que faciliten o seu acceso e permitan a súa reutilización. Entre os obxectivos desta iniciativa destacan:

  • Xeración de valor e riqueza, posto que se obteñen produtos derivados dos datos por parte de terceiros
  • Xeración de transparencia, empregando os datos existentes para analizar e avaliar a xestión pública
  • Facilitar a interoperabilidade entre administracións, creando novos servizos que empreguen datos de distintas fontes públicas

A metodoloxía de traballo empregada neste estudo baseouse no desenvolvemento de 4 fases:

  1. Análise inicial dos conceptos e do marco teórico.
  2. Análise do panorama existente na actualidade en canto ás iniciativas postas en marcha e aos produtos e servizos existentes en España.
  3. Entrevistas cos expertos. Identificouse a un conxunto de persoas cun coñecemento contrastado na materia cubrindo o espectro de actores implicados neste tipo de iniciativas: investigadores, persoal de administracións públicas, responsables do sector infomediario, representantes de organizacións que fomentan a transparencia,… :
  • Alberto Ortiz de Zárate Tercero, de Open Data Euskadi
  • Antonio Miret Alomar, de licitaciones.es
  • Carlos de la Fuente García y Martín Álvarez Espinar, da Fundación CTIC
  • Carlos Guadián Orta, de Autoritas Consulting
  • David Cabo, de Pro Bono Público
  • Jorge Campanillas Ciarriz e José Luis Calzada Pérez, de Iurismática Abogados
  • Lluís Sanz i Marco e Marc Garriga Portolà, do Concello de Barcelona
  • Fernando Ramos Simón e Andrea Sala Jiménez, de Publidoc-UCM
  • Mar Pereira Álvarez, actual directora da Amtega.
  1. Análise final e extracción de conclusións.

Malia a que hoxe en día a apertura de datos é xa unha obriga, o libro destaca a necesidade de concienciación política e social sobre a necesidade de ver as iniciativas como Open Data coma un dereito da cidadanía.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal