Localización de KDE
Canta xente traballa na tradución de KDE ao galego?
Na actualidade, o grupo «permanente» está formado por Miguel Branco, Xosé Calvo e máis eu. Adicionalmente hai colaboradores puntuais: Manuel A. Vázquez e Sara Barreiro.
Con esta ratio, como conseguides coordinarvos para acadar as traducións a tempo?
No tocante a xerarquización, é moi simple, todos os membros somos tradutores: un exerce de coordinador ademais de como tradutor. As funcións específicas deste coordinador veñen sendo pelexarse con subversion, o CVS que emprega na actualidade KDE, e insinuar por onde fai falla dirixir os esforzos.
No tocante á tradución, cada un ten o seu nicho máis ou menos estabelecido: Xosé está en Kdepim, Kdeedu e na documentación, Miguel en Koffice, Kdenetwork, Kdepim e ten feito cousas de Kdeedu, Manuel en Kdeedu e Sara como voz de Kdeedu.
Desde 4.1, ao acadar de xeito case permanente o 100%, foi que comezamos a estrar o traballo e, así, Xosé púxose en firme a traducir a documentación, da que agora ten traducida 1/5 aproximadamente. Con 4.2, Miguel comezou a tirar do carro da QA.
Pero cal é a clave para estar sempre entre os primeiros equipos de localización?
Darlle un pouco de amor cada día, claro: traballar un pouco cada día, pouco, non máis de 100 mensaxes -i.e. de 150 a 300 palabras-, e entregar o traballo no momento, en especial o recibido dos demais membros do equipo, que isto axuda a ver o traballo como útil e apreciado. KDE ten un trato excelente para a l10n, e iso acaba notándose en ter xente colaborando durante anos, iso vale un mundo.
Que perfil teñen as persoas que colaboran na tradución de KDE?
Pois deixando a un lado a Sara, que é unha nena, e a Manuel, por non coñecelo, os demais somos ou titulados superiores ou estudantes da universidade, cunha idade media de trinta e tantos, de xénero masculino e con profesións máis ou menos acordes aos estudos.
Si, pero poñamos o teu exemplo, por caso. Non es nin lingüista nin informático, que motivos levan a unha persoa allea a estes ámbitos poñerse a localizar software?
Eu non son precisamente ningún exemplo a seguir. Cando casei, no 2004, comecei a levar as contas da casa, para o que inicialmente empregaba o gnucash sobre un Linex. Como non me convencía de todo, fun probando outros programas até dar co KMyMoney, que me gustou máis. A linguaxe da contabilidade éche o que ten: nun momento dado, fartei de andar mirando o dicionario a cada dous días por non recordar o que significaban os tecnicismos e púxenme a traducilo. Despois… máquina vella… troquei para o kde, despois fun de Linex a Debian, e aquí sigo.
É complexo comezar a traducir? É dicir, pode facelo calquera persoa?
Traducir non é complexo, non máis ca correr unha maratón: no canto de zapatillas e roupa lixeira hai que saber inglés e aprender catro cousas acerca da ferramenta de tradución. Os quilómetros vanse facendo.
Se alguén quixera colaborar na tradución de KDE ao galego que tería que facer?
Avisar na lista de correo proxecto [AT] trasno [dot] net, á que fai falla subscribirse.
Proxecto Trasno
Falando de Trasno, a localización de KDE intégrase neste proxecto, como definirías esta iniciativa?
Penso que cada trasnego ten a súa definición do proxecto. A miña pode ser: «Grupo de voluntarios que traducen voluntariamente, e de balde, software libre ao galego, que se comunican entre si a través da lista de correo do proxecto e que se definen a si mesmos como membros deste grupo»
A dinámica de traballo é similar en cada unha dos distintos proxectos de tradución?
Non, non é. Depende da cantidade de persoas que traballen en cada subproxecto, dos recursos do proxecto matriz etc.
Mancomún celebrou o pasado ano dous encontros dirixidos á localización. Con eles xurdía, en certa maneira, un novo punto de encontro para os tradutores, o cal se daría en chamar “g11n, galeguización” – sostido a través da rolda g11n@mancomun.org-. Como cres que deben interactuar ambos grupos, Trasno e G11n?
Levamos coexistindo dous anos sen matarnos, e ás veces mesmo colaboramos… supoño que isto xa dá a pista de que polo menos somos parcialmente compatíbeis. Ambas as partes queremos ter cousas traducidas, ou? Todos pasamos polo menos por dous xuízos ao longo da nosa existencia: o de San Pedro e o da historia… o tempo acabará poñendo a cada un no seu sitio.
Recursos lingüísticos
Cal cres que son os principais problemas cos que se atopan os tradutores de software libre ao galego?
Non creo que os principais problemas sexan específicos do galego. Até onde eu sei, as seccións de l10n dos grandes proxectos de software libre non fornecen aos equipos de l10n de todos os recursos esencias precisos para garantir un mínimo de calidade: Memoria de tradución e glosario, xunto cunha ferramenta que integre estes recursos no traballo diario. O das memorias de tradución xa está moi andado, e as ferramentas de escritorio habituais xa permiten crealas e empregalas dun xeito sinxelo e altamente produtivo (polo menos coas CAT de KDE), pero no referente ao glosario a cousa só está comezando a madurar neste último ano. Aliás, hai proxectos nos que as labores que acompañan á tradución, o que fai o coordinador no caso de KDE, son un lio medio burocrático que lle quitan as ganas ao mais afouto, non penso que faga falla recordar nomes.
Problemas específicos do galego só vexo tres; dunha banda, que por mor da lamentábel norma ortográfica oficial, até moi recentemente non se dispuxo dun corrector ortográfico; doutra, que non hai unha solución de corrección gramatical integrada coas cat; e finalmente, como non, o galego co que se expresan os novos tradutores en ocasións non é todo o correcto que sería desexábel, tanto no nivel léxico como gramatical, pero isto corríxese coa práctica.
E despois está o problema universal: o día só ten 24 horas
Con todas estas trabas que comentas, cal é o grao de permanencia e fidelidade dos tradutores?
No proxecto Trasno moi alto, unha vez que un tradutor supera o primeiro mes ou dous meses, normalmente despois segue aínda que sexa de oínte.
Pero haberá algúns que non superen ese período inicial, que medidas deberían adoptarse para superar estas eivas?
Hai que mellorar en integrar a calidade dentro do traballo normal dos tradutores, pero isto pasa por mellorar as ferramentas existentes nos sentidos xa indicados (glosario compartido, utilización intensiva de memoria de tradución, corrector ortográfico integrado, corrector gramatical integrado …), e en mellorar a externalización da l10n dos proxectos, no senso de facer que o traballo dos equipos de l10n sexa máis de traducir e menos de pelexarse con informes de erro, listas de correo, e cousas semellantes.
En termos de recursos lingüísticos, o tradutor conta con suficiente material accesíbel? É dicir, quizais hai moitos pero de acceso restrinxido…
Se o recurso non é de uso público sen rexistro nin trabas nin limitacións, non existe.
Papel de Mancomún
Mancomún contribuíu a incrementar o número de recursos lingüísticos coa elaboración do Manual de localización de software. A pesar de estar aínda en desenvolvemento, estás de acordo cos criterios de consenso estabelecidos?
Hai un problema: lin o documento, pero hai tanto tempo diso que non me lembro máis que do algoritmo de escolla terminolóxica, e non dos detalles, senón do complicado que era o diagrama de fluxo! Todas as guías de estilo / manuais de localización que tiven a desgraza de ler – incluída a miña propia – teñen a mesma eiva: son prosas difíciles de expresar programaticamente, como resultado non se me antolla simples integrar o control do estilo na CAT. O problema é que, entón, que o estilo siga a guía depende do tradutor, de que o tradutor a coñeza. Unha cousa máis que aprender, unha dificultade máis no camiño.
Como valoras a intervención da Administración -neste caso presente a través de Mancomún- nun eido de traballo voluntario?
Prefiro non valoralo, como dixen en riba, o tempo dirá. Unha cousa que penso que a Administración (non falo de Mancomún) non fixo ben é ser usuaria de software libre, e cliente que pide software libre e polo tanto crea negocio arredor do software libre, polo menos esa parte non a vin publicitada. A día de hoxe, os catro gatos que coñezo que viven da «informática», comen de Windows, no momento que isto comece a mudar, entón valorarei positivamente a actuación de Mancomún e, por extensión, da parte correspondente do goberno galego. Neste sentido a miña opinión, sempre estritamente persoal, é que se necesitamos organismos como Mancomún que inxecten enerxía para que as cousas anden, é que as cousas non andan. E outros textos -sen ir máis lonxe o editorial do número 99 (noventa e nove) da revista Todo Linux que di: "[…] obviamente no va a ser el software libre quien nos saque de la crisis, pero es en estos tiempos cuando más hay que cuidar lo que se hace con el dinero del contribuyente. […]"- fanme pensar que hai unha preocupación excesiva polo que fai o Estado, que apunta a unha dependencia pouco sa entre as contas de resultados das empresas con adicación a software libre e os ingresos procedentes dos organismos da Administración do Estado -como di o mesmo texto editorial: "No podemos depender de ciertas empresas privadas cuyo funcionamiento depende en alto grado de la coyuntura financiera[…]".
Falando de xerar negocio, a creación de Mancomún derivou, en certo modo, na aparición do binomio comunidade-empresa no marco da localización de software libre en Galiza. Como cres que recibiu a comunidade esta nova realidade?
No seu momento foi unha novidade desagradable , pasou algo semellante en Debian hai un tempo, recordades?, cando se pagou a algúns desenvolvedores. Eu persoalmente recibino como unha mestura entre «parta de aí que non tes idea», «comenencias U» e «face-lo peto», mesmo durante un par de meses deixei de lado isto de traducir.
Superado esta impresión inicial, que papel cres deben asumir ambos axentes?
Unha cousa dou por descontada: Trasno, Ciberirmandade ou Mancomún, cando adican recursos a dispor dun produto libre traducido é porque teñen un interese en telo traducido e ben traducido. Agora, como casar os distintos actores para que o resultado sexa bon é máis complicado.
Tense falado de especializar os roles, poñendo a parte paga como revisor, isto é, deixar que o tradutor voluntario se divirta traducindo -si, traducir é divertido, en pequenas doses cotiás- e logo facer unha revisión, paga, como resultado da cal se obtería un produto coas garantías que a Administración pida para utilizalo.
Esta é unha posibilidade, pero non ten por que ser a única, o traballo que se faga para casar ambos os intereses terá unha compoñente grande de exploración de novos territorios, que debe facerse con delicadeza para evitar os desencontros do pasado.
A miña opinión persoal é que confinar as achegas dos profesionais da tradución á localización de software libre sería perder unha parte importante do valor destes colaboradores, o seu “know-how”: deberían facer achegas tamén aos programas para tradución, e ás utilidades de produtividade (glosario, TM …) tanto en funcionalidade como en usabilidade. E en contidos, claro.
Por exemplo: supoñamos que por un circunstancias da vida, esa metadistribución de orixe galega cun logotipo tan semellante ao de Ulteo, decidise incluír o programa Engrenaxe, un programa de jcdedu para a aprendizaxe de léxico, e que para iso o editor da distro, chamémoslle “conclave”, pon a revisar a tradución a unha persoa, sexa das que teñen NIF ou das de CIF. Entón, os tradutores dos ficheiros a revisar, digamos Engrenaxe, libjcdedu, desktop-jcdedu, jcdlibs e jcdqt (o custo de primeira entrada é alto), farían unha cesión temporal a “conclave”, que indicaría uns datos de contacto ( conclave, <nome @ lugar . dom>), subscribiría a proxecto en Trasno e pasaría a ser un membro máis do equipo, idéntico a calquera outro excepto pola auctoritas que os compañeiros lle atribúan. Quen haxa detrás desa identidade, chámese Xan ou TomaS.A. é indiferente, pero sería positivo que houbese transparencia nisto.
Que agardar del? Pois que faga a revisión empregando as ferramentas propias de jcd, que comente e chegue a acordos referentes aos termos a empregar, á forma xeral das frases habituais, que indique en que se poden mellorar esas ferramentas e os procedementos de traballo… abreviando, que sexa como os máis, e que o resultado beneficie ao programa, á tradución ao galego do proxecto jcd, e ao conxunto da l10n dese proxecto.E que se revise Engrenaxe, claro.
Cal cres que é o futuro da localización ao galego?
Ultimamente fállame moito a bóla de cristal, síntoo 😉
