Mancomún

Mancomun.org pecha o acto de clausura do obradoiro IDABC OSS en Badaxoz

Luns, 12 Febreiro 2007
A intervención de Mancomun.org precede á presentación da nova versión da licenza europea libre EUPL

idabcA participación de Mancomun.org no obradoiro do IDABC OSS, que tivo lugar o pasado día 8 en Badaxoz, posicionou a Iniciativa Galega polo Software Libre como un dos proxectos de maior relevancia en Europa na promoción das tecnoloxías abertas. Así o puxo de manifesto o feito de ter sido escollida polo IDABC para a súa inclusión no panel de clausura do evento, no cal só se presentaron tres proxectos europeos.

O obradoiro IDABC OSS, enmarcado na celebración da III Conferencia Internacional de Software Libre, da que Mancomun.org participou activamente, centrouse no asentamento das bases que han de rexer o proxecto OSOR (Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre). O OSOR foi creado recentemente co obxectivo de producir unha plataforma activa para compartir aplicacións da administración electrónica baseadas en Software Libre, así como experiencias de éxito desenvolvidas en Europa.

A este respecto, o proxecto de Mancomun.org foi escollido pola gran diversidade de axentes participantes (universidades, grupos de usuarios de Linux, empresas…), así como pola súa clara vocación de promoción industrial e empresarial, con especial fincapé de cara á PEME.

A presentación da iniciativa de Mancomun.org, a cargo de Xesús Manuel Benítez Baleato en calidade de Asesor Técnico da Xunta de Galicia, foi incorporada ao repositorio oficial do evento e recibiu a felicitación persoal do responsable da IDABC e director xeral de informática da Comisión Europea, Francisco García Morán.

A raíz desta participación no evento, Baleato participará no IDABC OSS expert group para o asesoramento no estudo de viabilidade do proxecto OSOR.

Anuncio da nova versión da licenza libre EUPL

Tras a presentación de Mancomun.org a IDABC anunciou a creación dunha nova versión da licenza libre EUPL

A Licenza Pública da Unión Europea (EUPL) é unha licenza de Software Libre e copyleft creada pola Unión Europea para unha previsible liberación de programas pertencentes ás administracións públicas.

Como xa anunciou recentemente Mancomun.org, a EUPL 1.0 sucede á 0.2 e é perfectamente compatible coa GPL. Francisco García Morán salientou que esta nova versión dá máis garantías de libre distribución aos usuarios e que terá edicións en todos os idiomas da Unión Europea.

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal