Este encontro celebrouse no marco do evento e-Government 2008 organizado pola presidencia de quenda eslovena da Unión Europea

O encontro deu comezo o pasado día 11 baixo o título “Alianza cos usuarios” e orientou a súa primeira xornada de traballo cara á importancia dos servizos panaeuropeos do goberno electrónic (PEGS, Pan-European eGovernment Services) de internet nos gobernos actuais. As xornadas do día 12 e 13, cun carácter máis técnico e organizadas directamente polo IDABC, versaron sobre a necesidade de facilitar a interoperabilidade entre os distintos niveis da Administración Pública e desta cos cidadáns.
A Iniciativa Galega polo Software Libre interveu neste segundo encontro, poñendo de manifesto a relevancia das tecnoloxías abertas en materia de interoperabilidade e converténdose, neste senso, nun proxecto de referencia a nivel europea.
O coordinador de Mancomun.org, Xesús Manuel Benítez Baleato, aproveitou a súa presencia no evento para expoñer a proxección estratéxica do proxecto de cara ao ano 2008-2010. Esta iniciativa acadou grande aceptación e contou, para a súa difusión, co respaldo da propia coordinadora do Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR), Barbara Held.
Un programa para a interoperabilidade europea
O IDABC valorou moi positivamente os resultados acadados co encontro, no que participaron preto de 300 expertos europeos a través das diferentes sesións e coas que se achegaron contribucións de gran relevancia.
Tras as sesións plenarias presididas polo director xeral de informática da Comisión Europea, Francisco García Morán, nas que destacaron as intervencións do xefe da unidade IDABC, Karel de Vriendt, e o xefe de área no Ministerio de Administracións Públicas, Miguel Amutio, tiveron lugar tres sesións paralelas nas que se expuxeron os resultados de proxectos europeos destacados nas áreas de seguridade e infraestruturas, servizos panaeuropeos de goberno electrónico e plataformas colaborativas.
Mancomun.org participou nesta última liña, na que é salientable a intervención do director da Axencia nacional de Telecomunicacións e Novas Tecnoloxías de Dinamarca, Per-Olav quen informou sobre o proceso de asesoramento seguido polo goberno de Dinamarca para a elaboración da lei sobre estándares abertos.
Así mesmo, interviñeron o coordinador do Observatorio da Administración electrónica da Comisión Europea, Emilio Castrillejo, amosando o funcionamento do portal social epractice.eu, e Boris Saletic , en representación do Ministerio de Administracións Públicas de Eslovenia, quen presentou o repositorio de Software Libre presentado por este goberno. As ponencias pecháronse, finalmente, coa intervención de Barbara Held, quen fixo un repaso á labor realizada polo IDABC.
A última xornada do encontro comezou cunha posta en común sobre os resultados de cada unha das sesións paralelas, para finalizar cunha sesión plenaria na que se definiu o camiño previsto pola Comisión para a renovación do Marco Europeo de Interoperabilidade, unha ferramenta fundamental na implantación de estándares abertos e do Software Libre no eido europeo.
