Mancomún quere unirse tamén ás distintas celebracións do vindeiro día 17 de maio, Día de Internet, Día das Letras Galegas e Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Por iso, anunciamos que hoxe facemos pública a nova versión do metapaquete araOS para a recente versión 9.04 de Ubuntu (Jaunty Jackalope).
Ao igual que nas anteriores ocasións, este metapaquete automatiza a galeguización do sistema operativo ademais de modificar o seu aspecto gráfico.
Para probar esta nova versión do metapaquete ten varias alternativas:
- Se xa é usuario da versión do araOS 8.10 só debe seguir estas instrucións.
- Se ten instalado un Ubuntu 9.04, abonda con engadir o repositorio de Mancomún.
- Se non ten aínda instalado nin Ubuntu nin araOS pode descargar a imaxe .iso dende aquí, gravala nun CD que poderá probar en modo vivo (live-cd) sen necesidade de modificar o seu computador ata estar plenamente convencido.
Animámolo a que nos faga chegar calquera erro e suxestións de mellora a través do noso formulario de contacto.
Que é araOS?
AraOS é un metapaquete para o sistema operativo Ubuntu que facilita a creación a baixo custo de adaptacións específicas e en galego do sistema operativo de cara a cubrir necesidades de sectores específicos. Así ten sido a base para a creación doutros sistemas operativos como por exemplo o Galinux, ou a Ubuntu-USC Troia creada pola OSL da USC para o plan piloto de migración a software libre.
AraOS instala no computador, como predeterminado, o dicionario do corrector ortográfico para galego e os programas Firefox, Thunderbird e OpenOffice.org en galego.
O nome AraOS procede de mesturar o nome do coñecido pingüín galego, o arao (uria algae) coas siglas OS (operative system), de acordo coa tradición da comunidade de software libre de identificar Linux cun destes animais.
O metapaquete AraOS emprega dous paquetes:
* paquete araos-g11n, para a galeguización de Ubuntu
* paquete araos-desktop, para a instalación dos elementos gráficos.
Modificando estes paquetes, as persoas desenvolvedoras poden personalizar doadamente a imaxe gráfica do sistema operativo (logos, iconas, splash…) ou integrar aplicativos específicos para o sector ao que vai dirixido, conseguindo así un sistema operativo funcional adaptado non só ás súas necesidades de uso, senón tamén á súa propia identidade corporativa.
