A II Xornada de Usuarios de R en Galicia celebrouse o pasado 1 de outubro no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago de Compostela.

Máis de 80 persoas participaron nesta xornada que tiña por obxectivo a promoción e coñecemento da linguaxe estatística R e as súas aplicacións, así como proporcionar un punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións do resto da comunidade. A xornada contou coa presentación de 11 relatorios e cun obradoiro práctico, moitos dos cales teñen o material empregado dispoñible para a súa descarga.
Esta é a segunda edición deste encontro da comunidade galega desta linguaxe, logo do ano pasado ter acollido aquí en Galicia as VI Xornadas hispanas de usuarios do software estatístico R. Unha vez máis estivo organizada pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), e patrocinada pola AMTEGA (Xunta de Galicia).
Na sesión de apertura contouse coa presenza de Alfonso Blasco Otero, director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, e Eladio García Otero, representante do Departamento de Innovación Tecnolóxica, Área Sociedade Dixital da Amtega, que deron paso a resto de relatorios do programa científico, moitos dos cales teñen dispoñible a presentación para a súa descarga:
- Atrévete con R, Rafael Rodríguez Gaioso – coordinador da Oficina de Software Libre – CIXUG
- Uso de R en la administración pública: procesamiento de expedientes y automatización de tareas, Marcos Fernández – Amtega
- Explotación dos datos da Mostra continua de vidas laborais con dplyr: claridade e rapidez, Pilar Romero Martínez – Instituto Galego de Estatística.
- ExploRatory and statistical tools to investigate multimodality, Jose Ameijeiras Alonso – Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC.
- Aplicacións de R na xestión forestal, Manuel Arias Rodil e Ulises Diéguez Aranda(Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC.
- Aplicacións de R en fiabilidade, Salvador Naya Fernández e Javier Tarrío Saavedra do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña.
- Taller: Dos datos á publicación científica: R, Markdown & Sweave, Miguel Branco – Microbiólogo mariño da Universidade de Vigo.
- PREBED: Software de avalación odontolóxica, Isabel Martínez Silva – Departamento de Estatística e Investigación Operativa de Universidade de Vigo.
- From PCA to ICA – Multivariate Techniques to Study Climate Data, Irene Oliveira – profesora da Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro (Portugal).
- Elementos personalizados en Shiny, Borja Varela Brea – estudante da facultade de informática de Universidade da Coruña.
- Visualización xeográfica de datos de onomástica con R, María José Ginzo Villamayor – Departamento de Estatística e Investigación Operativa de USC.
- Spatio-temporal modelling of environmental monitoring data, Luís Manuel dos Santos – profesor do Instituto Superior de Enxeñería de Coimbra (Portugal).
A xornada retransmitiuse en directo grazas ao servizo mutlimedia da Universidade de Santiago de Compostela. Houbo máis de 80 persoas inscritas das cales a maior parte delas asistiron de xeito presencial e o resto seguírono a través da rede. O perfil dos asistentes foi bastante diverso, pero todos tiñan en común o interese por R. Entre os asistentes había un grupo numeroso de alumnos de doutoramento das tres universidades galegas, así coma de mestrado e grao, persoal da Xunta de Galicia de diferentes áreas, e perfís do ámbito das empresas galegas. Varias das conexións en liña tiñan procedencia desde o exterior de Galicia.
O comité organizador desta xornada estivo formado por membros de Melisa: Rafael Rodríguez Gayoso (presidente de MeLiSA e coordinador da Oficina de Software Libre das Universidades Galegas), Miguel Ángel Rodríguez Muíños (da Dirección xeral de innovación e xestión da saúde pública da Consellería de Sanidade), Mari Carmen López Segade (secretaria de MeLiSA) e Jorge Lama Varela (vicepresidente de MeLiSA).
O comité científico tamén formado por membros de MeLiSA, constituído por Mª José Ginzo Villamayor (do departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC), Mª Teresa Seoane Pillado (da Unidade de Epidemioloxía Clínica e Bioestatística do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños.
Máis información: https://www.r-users.gal/
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Amtega e MeLiSA para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia, e que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2015.
