Mellora o coñecemento do Software Libre na sociedade

Martes, 13 Novembro 2012
  • Aumentan nun 15% os usuarios que utilizan software libre de forma regular.
  • o 89% dos usuarios enquisados recoñece usar habitualmente un ou máis programas con licenza libre.

O 89% dos enquisados recoñecen usar Software Libre

Como vos informamos no mes de Setembro, PortalProgramas anunciaba a realización, por cuarto ano consecutivo, dun informe sobre a valoración do Software Libre por parte da sociedade, co obxectivo de medir o coñecemento, o uso e a confianza que teñen os usuarios domésticos no software libre.

Segundo nos informan dende PortaProgramas, dende onte están xa dispoñibles os resultados deste estudo, que este ano superou os 5000 participantes procedentes de ata 35 países de fala hispana o que supón unha excelente participación, algo máis do dobre que o ano pasado.

Os datos que reflicten este estudo permiten coñecer ter unha fotografía do estado actual de valoración e uso do Software Libre na sociedade. Isto facilítaralle á comunidade de software libre avaliar como os usuarios están a percibir o seu traballo e facer autocrítica e detectar aqueles puntos do coñecemento, uso e confianza nos que se pode mellorar.

Segundo recolle o resume deste informe publicado, as principais conclusións tiradas do estudo son as seguintes:

  • No que respecta ao coñecemento do Software Libre, destacar a diminución dun 10% o número de usuarios que confunde software libre con software gratuíto, aínda así, un 18,9% segue confundindo ambos conceptos.
  • En canto ao uso do Software Libre, destacan os seguintes datos:
    • Aumentan nun 15% os usuarios que utilizan software libre de forma regular. Case 9 de cada 10 usuarios enquisados recoñece usalo habitualmente.
    • Os usuarios que máis abandona o uso do Software Libre son os usuarios do sistema operativo Windows, normalmente aducindo a falta de compatibilidade como motivo principal.
    • Os usuarios de Android son os que nunha maior porcentaxe descoñecen se usan Software Libre ou non.
  • En canto á confianza no Software Libre , esta diminúe un 7%, aínda que unha terceira parte dos que desconfían nel non o teñen usado nunca, o que permite aventurar que a desconfianza vai moi ligada ao descoñecemento.
  • Finalmente en canto á imaxe do Software Libre e as preferencias dos usuarios, destacar:
    • O software libre está considerado como unha opción segura, funcional e cunha boa asistencia.
    • Os usuarios dubidan máis das funcionalidades do software libre que da súa seguridade ou do nivel de actualización.
    • Os usuarios buscan primeiro programas libres; despois que sexan funcionais e en terceiro lugar valoran a súa gratuidade. O que máis condiciona ao usuario medio á hora de decantarse por un programa é en moitas ocasións a súa condición de software libre, por encima de que sexa gratuíto. Despois valorarían a súa funcionalidade, se resulta sinxelo, útil, eficaz e satisfai a súa necesidade. O último factor serían as recomendacións externas (páxinas de internet ou coñecidos).

Este ano o informe incluía unha última pregunta que só responderon a terceira parte dos enquisados. Estarían dispostos a cambiar programas privativos comerciais (como Office ou Photoshop) por alternativas libres? Un 47,96% usaría alternativas libres se os programas foran compatibles co seu sistema, e un 16,62% só se ese software fora gratuíto. Tan só un 5,18% móstrase convencido de permanecer usando software comercial e están contentos con el.

Por máis que o software libre ten unha valoración excelente polos que o utilizan habitualmente ou o usaron algunha vez, o descoñecemento e os costumes adquiridos deixan na dúbida a unha gran parte de usuarios. Ben por tradición, ou ben porque descoñecen que existen alternativas libres moitas persoas non acaban de dar o paso.

Finalmente mencionar que ao igual que o ano pasado, varios expertos expresaron a súa opinión respecto destes resultados:

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal