II xornadas de Software Libre na empresa na UDC

Venres, 9 Novembro 2012

A Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, dependente do CIXUG, coa colaboración da Facultade de Informática da UDC, organiza as II Xornadas de Software Libre na Empresa para o vindeiro xoves 22 de novembro de 16:00 a 20:30 horas, que toma a testemuña das I xornadas de Software Libre na Empresa celebrada o pasado setembro na USC.

Imaxe dunha das mesas redondas da I Xornadas de SwL na empresa na USCÇEstas xornadas, de carácter gratuíto, terán lugar na aula de graos Víctor Gulías da Facultade de Informática da UDC, no Campus de Elviña. A asistencia é libre, aínda que a organización agradece que todos aqueles interesados en asistir se inscriban a través do formulario habilitado aos efectos, para un mellor control do aforo e organización das xornadas.

O obxectivo das mesmas é amosar aos asistentes que o Software Libre é unha aposta de calidade á hora de afrontar un proxecto empresarial así como as moitas oportunidades do mercado laboral para o profesional experto en software libre. Están pois especialmente dirixidas aos futuros profesionais das TIC da nosa comunidade, aínda que están abertas á participación do público en xeral
A xornada comezará cunha breve introdución da man do coordinador da OSL, Enrique Estévez, e do presidente de AGASOL, Luis Alberto Fernández, que darán paso aos dous bloques principais nos que se divide o programa.

O primeiro deles adicado ao Emprendemento con Software Libre no que participarán as empresas Igalia, Icarto, Pexego e Tegnix, que explicarán brevemente como utilizan o software libre, cales son os principais proxectos nos que está involucrada e explicarán porque decidiron apostar polo software libre. O bloque finalizará cunha mesa redonda onde os representantes das anteriores empresas debateran sobre o emprendemento con software libre.

O segundo bloque estará adicado ás Oportunidades de traballo para o profesional do software libre. Nel distintos profesionais falarán sobre a súa experiencia co software libre, sobre porque se decidiron a formarse nestas tecnoloxías e como e porque colaboran coas comunidades de software libre, rematando igual que o anterior bloque cunha mesa redonda.

O programa é o seguinte:

  • 16:00 Presentacións: OSL das universidades galegas e AGASOL
  • 16:30 Empresas galegas e Software Libre
  • 17:30 Mesa redonda: O emprendemento con Software Libre
  • 18:30 Profesionais galegos do Software Libre
    • Francisco Puga. CartoLab
    • Roberto Brenlla. Tegnix
    • Marta Paz, (sweena)
  • 19:30 Mesa redonda: Oportunidades de traballo para o profesional do software libre

Estas xornadas forman parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal