Dende Mancomún queremos presentarvos o que será a nova web do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre.
http://beta.mancomun.org
Polo de agora atópase en fase de probas, pero xa é totalmente funcional e, se non hai problemas, despois da Semana Santa será a web á que accedades a través do enderezo habitual http://www.mancomun.org, e a través da que se publicarán as novas, actualizacións, produtos, traducións, etc…
Durante estes primeiros días queremos animarvos a que a probedes e nos acheguedes as vosas impresións ou os problemas e/ou erros que atopedes. Para iso, podedes facernos chegar as vosas opinións a través do formulario de contacto ou ben a través do enderezo de correo mancomun@mancomun.org. Desta maneira, á volta destes días festivos, trataremos de resolvelos e aplicalos na web coa maior celeridade posíbel.
Como poderedes observar, non só se trata dunha revisión de aspecto, senón tamén dun cambio e revisión da estratexia de comunicación da mesma e da plataforma tecnolóxica que a sustenta, ademais de facilitar a usabilidade do portal, dotando de maior visibilidade aos produtos e servizos que ofrecemos.
Dentro deste proceso de actualización, Mancomún quixo tamén colaborar no marco tecnolóxico polo que ven apostando a Consellería de Industria, e que permitirá compartir sinerxias co traballo de organizacións do mesmo ámbito, polo que se apostou por un cambio tecnolóxico cara o CMS Typo3.
Ademais, todo o proxecto de migración da web púidose seguir de forma totalmente aberta a través do proxecto creado na forxa: Migración Mancomún. Neste proxecto pódense atopar os diversos ficheiros que conforman a migración da plataforma desde o anterior Joomla ao Typo3.
SOBRE TYPO 3
O xestor de contidos elixido para a implantación do portal de Mancomún é Typo3 (www.typo3.org). Typo3 é un xestor de contidos completamente libre e publicado baixo a licencia GPL cunha comunidade aberta a todo o mundo e xestionado por unha fundación.
Typo3 é un xestor de contidos nacido no ano 2000 e como froito de principal dun desenvolvedor danés Kasper Skårhøj. Sen embargo, o crecemento do mesmo lévase a cabo grazas á participación dunha gran comunidade de desenvolvedores.
Actualmente ten unha gran madurez (é utilizado por 122.000 servidores en todo o mundo) e conta cunha gran comunidade de usuarios (aproximadamente 27.000 usuarios en 60 países). Ademais Typo3 atópase traducido ao galego. A tradución atópase dispoñíbel desde a Forxa de Mancomún, ademais de diversas extensións adicionais que foron desenvolvidas para outros portais en Typo3.
