Mancomún

Nova edición do curso de Análise estatística con Rcommander, organizado pola OSL do CIXUG

Mércores, 13 Xullo 2016

Imaxe do curso na aula virtual do CIXUG45 novos docentes serán formados na linguaxe estatística R a través da súa contorna gráfica RCommander na nova edición do curso en liña organizado pola OSL do CIXUG coa colaboración dos diferentes servizos de formación do profesorado das 3 universidades galegas.

Así, durante os meses de setembro e outubro desenvolverase na aula virtual do CIXUG: cursos.cixug.es unha nova edición do curso en liña de Análise estatística con Rcommander.
O curso será impartido en liña polo docente Miguel Ángel Rodríguez Muíños entre os días 12/09/2016 e 07/10/2016 cunha duración de 20 horas. Está dirixido a persoal da universidade que habitualmente traballa con software estatístico privativo, ou a persoal non iniciado no campo dos estudos estatísticos. O obxectivo é formar aos participantes no manexo da linguaxe estatística R no seu ámbito gráfico RCommander, software libre de referencia neste tipo de estudos, a fin de ofrecerlles unha alternativa libre a outros paquetes estatísticos privativos amplamente empregados na docencia e investigación universitaria.

No curso comezarase revisando a instalación de RCommander, pasando posteriormente ao manexo de datos, creación de gráficos, ou a realización de estudos estatísticos descritivos. Preténdese desenvolver as seguintes competencias:

  • Realización de estatísticas descritivas
  • Manexo de datos
  • Creación de gráficos
  • Distribucións de probabilidade
  • Inferencia
  • Regresión lineal simple

O curso consta de 11 temas, cada un dos cales consta dunha parte teórica, onde se detallan os procedementos para traballar coas diferentes opcións de Rcommander e dunha proba de autoavaliación. Ao final do curso existe unha proba final.

A avaliación final do curso calcularase en función dos seguintes criterios:

  • Participación (10 horas de conexión como mínimo) – 10%
  • Probas de autoavaliación por tema – 50%
  • Proba final – 40%

O curso é de carácter gratuíto, e ofrécense un total de 45 prazas, 15 prazas para cada unha das 3 universidades galegas. A universidade de vigo xa ten aberto o prazo de matrícula a través da plataforma Bubela, e as outras dúas abrirano en breve coa publicación da oferta formativa para o curso académico 2016-1027.

Esta actividade forma parte das actividades desenvolvidas polo CIXUG a través do convenio de colaboración coa Amtega para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia, e que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2016.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal