Hoxe, presentámosvos unha nova funcionalidade do Corpus de Mancomún que, ao noso ver, convértese xa nun produto de tecnoloxía lingüística de referencia e doado manexo para tradutores e investigadores.
A funcionalidade engadida desta volta é a posibilidade de ofrecer unha ligazón directa aos resultados dunha busca no Corpus, por exemplo, busca do termo "window" na memoria de tradución de Gnome 2.26, o que claramente facilita a súa utilización para facer referencia a termos nos debates e para a súa documentación.
A ligazón para referenciardes unha busca é do seguinte tipo:
http://corpus.mancomun.org/cgi-bin/xes_termos.pl?termo=TERMO&proxecto=PROXECTO&idioma=IDIOMA
co significado de cada parámetro segundo se explica a seguir:
- TERMO: palabra que se buscará
- PROXECTO: nome dalgún dos proxectos que teñen a súa memoria de tradución incluída no Corpus – actualmente: "Gnome+2.26", "Mozilla", "WordPress", "Gimp+2.6", "OpenOffice.org3", "Gnome+2.16" – ou "Todos".
- IDIOMA: 0 para facerdes as buscas en inglés ou 1 para facérdelas en galego
O proxecto do Corpus na Forxa, dispoñíbel baixo licenza GPL, actualizouse con estas melloras de maneira que calquera, que teña interese en montar un servizo como o ofrecido por Mancomún, pode obter o código fonte actualizado.
Actualización dos motores de busca no Corpus para a barra de buscas do Firefox
Debido ás modificación realizadas no Corpus foi preciso actualizar os motores de busca no Corpus. Por isto é preciso que, aqueles que os tiverades instalados, eliminedes da barra de buscas os anteriores e dende a propia páxina do Corpus engadades os novos.
Todas estas melloras que lle vimos realizando ao Corpus supoñen un claro avance para a reutilización e explotación dos recursos xerados dende Mancomún por toda comunidade de tradución de software ao galego e tamén supón mellorar a oferta de utilidades de amplo espectro de uso nos estudos lingüísticos.
Calquera achega ou suxestión sobre esta ou calquera outra ferramenta de Mancomún non dubidedes en facérdenola chegar a través do formulario de contacto.

