Novos desafíos abertos para a elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020

Martes, 16 Setembro 2014

Logotipo da Axenda Dixital 2020A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) iniciou o pasado mes de xullo unha campaña de participación social para recoller ideas e suxestións de toda a sociedade galega no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, de forma que a administración autonómica e as partes interesadas formen unha rede social para co-deseñar a nova estratexia tecnolóxica global baseada nun modelo de intelixencia colectiva.

Hoxe publícanse 3 novos desafíos do ámbito da Educación, Empresa e Sector primario, aos que a sociedade pode responder a través dos foros abertos do Blog Xente Dixital ou ben enviando as súas propostas ou suxestións a través do formulario de contacto do blog Xente Dixital: Escríbenos

Por suposto, neste proceso, os axentes do ecosistema do Software Libre e as persoas e colectivos interesados no mesmo, están chamados tamén a colaborar na identificación de iniciativas nas que o Software Libre pode contribuír a acadar os obxectivos dixitais de Galicia 2020.

Novos Desafíos

Os 3 novos desafíos publicados hoxe son:

  • “Como aplicarías a tecnoloxía para mellorar a educación do futuro?”
  • “Que farías para aumentar o uso das novas tecnoloxías nas empresas? ”
  • “Que novas solucións tecnolóxicas proporías para modernizar os sectores primarios de Galicia?”

Estes desafíos estarán abertos ata o 15 de outubro.

O Software Libre como resposta aos desafíos dixitais de Galicia 2020

O fomento do uso do software libre no sector empresarial, na sociedade e na propia administración vén sendo unha aposta estratéxica do Goberno galego no marco da Axenda Dixital 2014.gal e sen dúbida continuará sendo un dos piares estratéxicos que sustentarán a nova axenda como ferramenta transversal que contribúa á consecución dos obxectivos de innovación, crecemento económico e mellora da vida cotiá da cidadanía e das nosas empresas.

Así pois, animamos a todos os axentes do ecosistema do Software Libre galego e a todas aquelas persoas que queiran achegar a súa visión de como o Software Libre pode mellorar a Sociedade da Información en Galicia, a participar nesta campaña respondendo aos desafíos ou enviando as súas suxestións e ideas ao mail de contacto da axenda dixital.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal