Seminario sobre como avaliar proxectos libres para as nosas necesidades

Luns, 15 Setembro 2014

Os días 23 e 24 de setembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, celebrarase no Centro Demostrador TIC un novo seminario de formación sobre tecnoloxías libres, “Avaliación de proxectos libres para cubrir as necesidades TIC”.

O obxectivo deste seminario é achegar aos asistentes as pautas a seguir, así como os aspectos máis importantes a avaliar, á hora de seleccionar unha solución que cubra as necesidades TIC da súa empresa.

Banner do seminario no CDTIC

A principal motivación dunha empresa á hora de implantar unha solución TIC é obter unha mellora nos seus procesos que redunden nunha maior eficacia e produtividade. Investir certo tempo na avaliación das alternativas existentes permitirá sen dúbida maximizar o retorno da inversión.

Nos procesos de avaliación de calquera solución TIC, é habitual que se atenda a criterios, sobre todo, funcionais e de custos, mais no caso dos proxectos de software libre, pola súa natureza, é posible, e recomendable, completar esta análise atendendo a outros criterios relativos á comunidade que está detrás destes, xa sexa de carácter empresarial como voluntaria. Esta información permitirá coñecer o nivel de uso do proxecto, o nivel de actualización, como responde a comunidade ante problemas ou erros no proxecto, existencia de provedores de servizos locais, etc.

O seminario está dirixido a persoal directivo, responsable ou técnico de empresas.

Correrá a cargo de Pablo Sanxiao Roca, Enxeñeiro técnico en Informática pola Universidade da Coruña e Máster en Software Libre pola Universidade Rey Juan Carlos I; socio fundador de iCarto, empresa especializada en tecnoloxías de información xeográfica Open Source; consultor especializado en software libre e colaborador na Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega; membro da GNOME Foundation, do capítulo hispano-falante da Fundación OSGeo e do Board do Comité de Dirección Técnica de gvSIG e socio fundador de GHANDALF, asociación para a difusión do software libre en Galicia.

O programa completo do seminario será:

  • Identificación de proxectos libres que cobren as necesidades do cliente.
  • Análise da madurez dos proxectos. Características da súa comunidade. Modelo de goberno. Licenciamento.
  • Métricas e indicadores para a avaliación de proxectos en base á información pública.
  • Criterios de apoio á decisión tecnolóxica. Selección de fontes fiables de información.

A asistencia ao seminario é completamente gratuíta, sendo unicamente preciso a inscrición previa a través do Espazo Usuario no portal do CDTIC.

Este seminario forma parte da oferta formativa en software libre no CDTIC dentro do Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal