O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Consellería de Traballo e Benestar inicia o vindeiro mes de outubro a súa programación formativa, que se prolongará ata xuño de 2010. A oferta inclúe un total de 46 cursos técnicos e especializados, entre os que se contarán varios programas sobre aplicativos de software libre.
Todos estes cursos impartiranse en xornadas de mañá ou tarde. Por primeira vez, o alumnado terá a posibilidade de elixir un horario intensivo, os venres ou sábados pola mañá. Tamén como novidade, a meirande parte dos cursos incluirán un foro de consulta integrado no portal web do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, http://cntg.xunta.es.
Os cursos específicos en materia de software libre, como nos fixo chegar Brenlla, son:
-
Administración avanzada de sistemas operativos Linux (certificación LPIC 2), 64 hs, obtense certificación, data 26/10/2009, imparte IBM
-
Administración de sistemas operativos Linux (certificación LPIC 1), 80 hs, obtense certificación, data 27/10/2009, IBM
-
Administración de S.O. Red Hat Linux – Nivel Certified Engineer. Certificación RHCT RHCE, 64 hs, obtense certificación, data 25/01/2010, Red Hat
-
Administración de S.O. Red Hat Linux – Nivel Certified Engineer. Certificación RHCT RHCE, 80 hs, obtense certificación, data 26/01/2010, Red Hat
-
Administración de bases de datos MySQL, 48 hs, obtense certificación, data 01/03/2010, MySQL
-
Desenvolvemento de aplicativos WEB con PHP e MySQL sobre Apache, 80 hs, obtense certificación, data 06/04/2010, MySQL
-
Implementación de VoIP con Asterisk, 36 hs, sen certificación, data 03/05/2010, ASTERISK
A maiores, impartiranse cursos de carácter xenérico, como os de dDirección de proxectos informáticos ou sobre fundamentos de ITIL, e sobre aplicativos de carácter privativo.
As accións formativas repartiranse en tres trimestres. Así, a Consellería de Traballo e Benestar abrirá o próximo 1 de setembro o prazo para anotarse aos 16 cursos que se desenvolverán entre outubro e decembro deste ano. Destacan iniciativas dirixidas á administración de sistemas, ao deseño gráfico ou ao desenvolvemento en seguridade informática.
O 1 de novembro comezará o prazo para as clases que o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia impartirá no primeiro trimestre de 2010. O departamento autonómico ofertará outros 16 cursos neste período. Haberá accións encamiñadas á dirección de proxectos informáticos; un obradoiro de edición de vídeo dixital ou un curso de seguridade en redes, entre outros.
No segundo trimestre de 2010 ofertaranse 14 accións formativas entre as que resaltan cursos de planificación e deseño eficiente de probas de software, de edición dixital ou de administración de redes wireless. Os interesados poderán anotarse a partir do 1 de xaneiro.
No apartado de formación do portal do Instituto figura a ficha completa de cada curso. A solicitude de inscrición en calquera das actividades que programará a Xunta deberá realizarse a través dun formulario web que esixirá o seu rexistro previo como usuario.
Por outra banda, en todos os cursos programados impartirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 2/2007, de 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia. A duración destas actividades será de 5 horas lectivas cando os cursos sexan de ata 50 horas e de 10 horas lectivas cando as clases duren máis de 50 horas. O alumnado que xa realizara este módulo de igualdade no terán a obriga de volver cursalo, sempre que o acredite.
Fonte: Xunta de Galicia
