Mancomún

Xorde a primeira publicación xurídica que apunta a aumentar o coñecemento sobre o software libre

Luns, 10 Agosto 2009

Internacional Free and Open Source Software Law Review (IFOSSLR)” é o nome da nova publicación de carácter internacional que foi presentada o pasado mes de xullo en Londres co propósito de ofrecer unha revista especializada sobre software libre e código aberto no ámbito xurídico. Elaborada por un comité de redacción independente, IFOSSLR descríbese como unha publicación semestral de artigos de investigación, asinados por expertos de alto nivel en materia de aplicación legal do software libre.

Algún dos temas que se tratan nesta revista son aspectos sobre dereitos de autor, interpretación e implementación de licenzas, patentes de software, estándares abertos, etc. Segundo explicou Karen Copenhaver, socio da firma de abogados Choate Hall & Stewart LLP e abogada da Fundación Linux, “Existen moitas razóns polas que os exemplares de IFOSSLR serán ben recibidos nos círculos xurídicos, na comunidade de software libre e entre as empresas da industria de software. Durante moito tempo o foco da comunidade de software libre estivo centrado en lanzar preguntas sobre os distintos tipos de licenciamento e os modelos de desenvolvemento, pero con esta publicación pasamos páxina e comezamos a centrarnos nas respostas”.

De acordo cos principios do movemento do software libre, IFOSSLR estará accesíbel para calquera persoa interesada baixo unha licenza Creative Commons 2.0 CC-BY-ND. O seu primeiro número xa se encontra dispoñíbel gratuitamente na Internet para a súa lectura e descarga en www.ifosslr.org. Ademais tamén poden solicitarse copias en papel a través deste web.
Por outra banda, adoptando o modelo de traballo colaborativo, IFOSSLR abre a participación a todos os membros da comunidade que teñan algo que dicir neste campo.

A primeira edición desta cabeceira incorpora artigos sobre temas de gran interese e debate público como, por exemplo, a análise do caso Jacobsen contra Katzer, no que un tribunal estadounidense denegou a protección dos dereitos de autor a un programa que foi publicado baixo unha licenza de código aberto, argumentando que a forma de distribuílo implicaba, precisamente que os seus autores renunciasen a ese dereito.

Tamén se inclúe neste primeiro exemplar un artigo editorial, asinado polo coordinador do equipo de redacción, Ian G. Mitchell, quen dá conta no texto das circunstancias e os obxectivos que propiciaron o nacemento da publicación. Unha idea que resume sentenciando: “O software libre tornouse un serio serio e por isto require de análises serias”.

O equipo editorial de IFOSSLR está integrado por membros da European Legal Network, un grupo fundado pola Free Software Foundation Europe en 2007 coa idea de poñer en contacto a distintos expertos en aspectos legais do software libre. A día de hoxe, esta rede constitúe a maior comunidade de avogados e especialistas en licenciamento neste eido.

O proxecto IFOSSLR está financiado pola Fundación Mozilla e é apoiado administrativamente por Nlnet Foundation e a Free Software Foundation Europe.

Fonte: ifosslr.org

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal