O prazo de inscrición remata o vindeiro día 26 de abril
![]()
O Concello de Cambre xunto co Grupo Xuvenil de Informáticos de Cambre (GXIC) e Axoi organiza entre os días 8 e 10 de maio o maratón informático CambRed_09, que terá lugar no Pabellón Polideportivo da localidade. Mancomún colaborará coa organización achegando, para a súa distribución gratuíta, uns 200 exemplares do sistema operativo libre e en galego, Galinux.
A CambRED é unha concentración de aficionados á informática na que, ao longo de tres días, se realizarán actividades vencelladas coas novas tecnoloxías en formato de charlas e conferencias, pero tamén a través da zona de ocio habilitada para os asistentes e mailos visitantes.
Como en anteriores edicións o software libre tamén estará presente no encontro, sendo reforzado este ano polo reparto do Galinux.
Outra novidade, de carácter organizativo, será a posibilidade de reservar asentos para todos os membros dun grupo. Tanto con esta idea, como para unha reserva individual, será preciso formalizar a inscrición antes do día 26 de abril a través da web da CambRed. O prezo de entrada manterase respecto a outros anos, sendo este de 20 euros.
Máis información: CambRed_09
