Mancomún

O GLUG estivo presente no encontro técnico de Porto Linux

Martes, 9 Xuño 2009

Na web do GLUG dan conta da súa participación no encontro técnico organizado pola asociación Porto Linux e celebrado o pasado 9 de maio. Afirman que a experiencia foi realmente positiva. Desde o punto de vista técnico, as tres palestras presentadas – Xestión de servidor de correo de grandes dimensións (25.000 usuarios do servizo e dous millóns de mensaxes por día), Servizo web de grande dimensión e Interoperabilidade con LikewiseOpen– foron moi interesantes e crearon debate entre o numeroso público asistente.

Pero alén dos aspectos puramente técnicos, destacan os contactos estabelecidos coa xente de Porto Linux quen, habitualmente, reserva un oco especial aos GGUL galegos para estabelecer sinerxias. O seu obxectivo é aproximar os grupos en todos os ámbitos de colaboración posíbeis; polo tanto, man tendida desde a outra beira do Miño.
A asociación Porto Linux, segundo contou Manuel Silva na última palestra, comezou a funcionar hai dous anos, certo tempo despois de desaparecer os diversos GUL das facultades de Porto. Hoxe en día conta con máis 150 persoas participando das súas actividades que xiran en torno a dous piares: os encontros técnicos e os encontros "sociais" que pretenden compartir coñecemento e cohesionar o grupo.

Son coñecedores das experiencias en software libre galegas, entre as que mencionaron a Igalia e especialmente a Urco Editora coa que manteñen contactos para un encontro de traballo e que tamén chamou a atención do público.

Fonte: GLUG

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal