Mancomún

O investimento acumulado desde o inicio do PEGSI acada unha cifra global de 347,6 millóns de euros

Mércores, 1 Abril 2009
O segundo informe do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (2007-2010) examina máis de 200 actuacións, entre elas os bos resultados acadados por Mancomún
 
OGSIA Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia publicou recentemente o segundo informe de seguimento do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI 2007-2010). Este informe analiza a evolución do PEGSI , ofrecendo, xunto cos informes e indicadores do Observatorio Galego da Sociedade da Información unha visión completa do desenvolvemento do Plano e do estado da Sociedade da Información en Galiza, a través da análise dos indicadores achegados arredor das principais actuacións executadas.

O informe indica que o esforzo realizado no pasado ano polo conxunto da sociedade galega permitiu que se superase o orzamento previsto inicialmente, ao acadar os 184,1 millóns de euros, o que supón un incremento dun 13,3% respecto do previsto para o 2008. O investimento acumulado desde o inicio do PEGSI, 2007-2008, acada unha cifra global de 347,6 millóns de euros, representando un 16% máis do previsto. Durante este período, puxéronse en marcha, no marco do PEGSI, 487 accións dentro de 26 liñas de actuación.

Entre os principais fitos deste segundo período de seguimento, o informe salienta o avance das infraestruturas de telecomunicacións, debido ao avance significativo con respecto a anos anteriores no despregamento dos servizos esenciais de banda larga e de televisión dixital terrestre (TDT), entre as que cabe resaltar a implantación de infraestruturas de acceso á banda larga en 32 polígonos industriais.

As empresas galegas de máis de 10 persoas empregadas converxen en 2008 coas do conxunto do Estado en equipamento de ordenador e superan a media en comercio electrónico. Atendendo á menor difusión e uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no segmento das microempresas a Xunta de Galicia impulsou, entre outras medidas de fomento, a liña de axudas para autónomos para mercar ordenadores con software libre, dotada con 1,66 millóns de euros.

No ámbito do desenvolvemento do sector TIC o informe destaca a actividade dos centros e plataformas tecnolóxicas co lanzamento de i+dea, nova plataforma do audiovisual e a inauguración do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).

As iniciativas de difusión do software libre, como Galinux desenvolvida este ano desde Mancomún, están a propiciar un importante desenvolvemento do software libre: en 2008 o 33,6% das Pemes galegas xa implantaron algún tipo de software libre, triplicando a porcentaxe do ano 2006 (Dato OGSI).

O informe tamén pon de relevo os resultados acadados pola Rede de Dinamización, que como activa ferramenta de inclusión permitiu máis de 19.000 persoas fixeran uso dos seus 70 puntos de acceso á sociedade da información espallados por toda Galiza.

Recóllense ademais as actuacións máis importantes para a incorporación e fomento das TIC en todos os ámbitos da Administración pública, nun ano en que os centros de ensino galegos acadaron unha cota de 5 alumnos por ordenador.

Entre os avances en materia de e-administración, destaca a posta en funcionamento dun sistema de licitación electrónica que facilita o proceso de contratación da Xunta, o Programa de Novas Tecnoloxías de Xustiza ou a regulación e implantación da e-Receita. Con 2,6 millóns de historiais clínicos dixitalizados e 15.000 profesionais acreditados, Galiza é a primeira comunidade autónoma en regular a Historia Clínica Electrónica.

Este segundo balanzo anual do PEGSI indica ademais algunhas das áreas nas que é preciso poñer máis énfase no futuro. En xeral, resulta conveniente impulsar aquelas iniciativas que favorezan a conversión da investigación en proxectos e solucións innovadoras. Cómpre mellorar tamén a interoperabilidade das diferentes plataformas tecnolóxicas da Xunta habilitando a posibilidade de comportir información e coñecemento dos sistemas e procedementos baseados nas TIC.

Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información

O Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI 2007-2010), aprobado polo Parlamento de Galicia hai agora dous anos, é o primeiro plano destas características con que conta Galiza. Esta innovadora estratexia está considerada un instrumento chave para impulsar o desenvolvemento da Sociedade da Información no noso país co obxectivo principal de contribuír ao seu desenvolvemento sustentábel tanto no eito económico, coma no social.

A Estratexia Galega da Sociedade da Información, impulsada pola Consellaría de Innovación e Industria, aproveita as innumerábeis vantaxes que ofrecen as TIC para garantir a creación de emprego de calidade, maiores niveis de progreso e cohesión social no conxunto da cidadanía e a preservación do medio natural, cultural e lingüístico que nos é propio.

Fonte: OGSI

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal