- O vindeiro 2 de outubro péchase o prazo de inscrición e o 21 celebrarase o acto de presentación dos finalistas e da entrega do premio
- Entre as novidades deste ano están os materiais de apoio para os aspirantes, accesibles desde o portal Mancomún
- Ademais, poden coñecer de primeira man a experiencia dos premiados de edicións anteriores, grazas a unha unha nova sección de entrevistas dispoñibles na páxina do premio
O vindeiro día 2 de outubro péchase o prazo para inscribirse no Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, promovido pola Amtega, ao que pode optar calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2015-2016, sempre que o proxecto teña unha licenza libre.
Unha vez analizados e avaliados os proxectos presentados elixiranse os finalistas que participarán no acto, que terá lugar o día 21 de outubro no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Nesta xornada os finalistas presentarán o seu proxecto diante do xurado que, posteriormente, emitirá a súa resolución. Ao remate do acto entregaranse os galardóns, cunha dotación económica de 1.500€ e 750€ para o primeiro e segundo respectivamente.
Materiais de apoio para os aspirantes
Este edición conta con algunhas novidades como a posta á disposición dos aspirantes dunha serie de materiais de apoio, a través da wiki do portal Mancomún sobre diferentes aspectos a ter en conta nos proxectos de software libre, como o correcto licenciamento do proxecto ou as ferramentas que debería ter un proxecto de software libre para facilitar a creación dunha comunidade ao seu redor, como poden ser listas de correo, un repositorio público co código fonte.
Entrevistas aos gañadores doutras edicións
Como aliciente para a participación na convocatoria, a Oficina de Software Libre da Amtega vén publicando no último mes unha serie de entrevistas a galardoados de anteriores edicións, dispoñibles na páxina do premio. Nesta sección 2 gañadoras e 4 gañadores contan de primeira man o que supuxo para eles este premio, a influencia que puido ter na súa traxectoria xa profesional, se segue ligada dalgún xeito ao software libre, e mesmo achegan diferentes recomendacións ás alumnas e alumnos que vaian facer o seu proxecto de fin de carreira.
Os entrevistados coinciden en destacar aspectos como a posibilidade de que o su esforzo e traballo poida servir para alguén máis; as posibles portas laborais que abre contar cun repositorio aberto onde as empresas poidan ver directamente o teu traballo; a posibilidade de colaborar con outros proxectos libres e aprender do traballo en comunidade; ou simplemente unha forma de amosar interese polo coñecemento e por compartilo e o estímulo á curiosidade e a aprendizaxe autónoma.
IX edición do Premio
A Amtega convoca este premio, en colaboración co CIXUG e do GPUL ,dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2016.
Está é a IX edición deste premio que ten por obxectivo o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.
