Seguindo a súa decisión de adoptar a política de conxelación de versións baseada en ciclos temporais a partir da seguinte versión de Debian GNU/Linux, o equipo de lanzamentos de Debian publicou a súa lista de obxectivos para esta próxima versión, Debian GNU/Linux 6.0, que levará o nome en clave de “Squeeze”.
Considerando estes obxectivos e tendo tamén en conta a retroalimentación da comunidade de Debian, tras o anuncio inicial durante a DebConf deste ano en Cáceres, o equipo de versións decidiu tamén revisar a súa decisión de propoñer decembro deste ano como data de conxelación. A comezos de setembro anunciarase unha nova planificación.
Claes, o responsábel de versións de Debian, destacou o compromiso do equipo coa calidade dicindo: “En Debian, sempre nos esforzamos por conseguir a maior calidade nas nosas versións. Os ambiciosos obxectivos que nos marcamos han axudar a asegurar esta calidade nesta próxima versións.”
O equipo de versións de Debian, en cooperación co equipo de infraestruturas de Debian, planea incluír os seguintes obxectivos nesta versión:
- Compatibilidade multiarquitectura, que mellorará, por exemplo, a instalación de paquetes de 32 bits en equipos de 64 bits.
- Compatibilidade con kFreeBSD, presentando a primeira arquitectura diferente a Linux en Debian
- Mellor rendemento no arranque, empregando dash como novo intérprete de ordes predefinido, e un sistema de arranque baseado en dependencias que conseguirá limpar o proceso de arranque ademais de axudar a mellorar o rendemento empregando o procesado paralelo
- Un proceso de aseguranza da calidade mellorado, que dea como resultado paquetes cunha máis alta calidade. Isto inclúe:
- Instalación, actualización e eliminación de paquetes de xeito limpo
- Rexeitamento automático de paquetes que non pasen as probas de calidade básicas
- Compatibilidade con dobre compilación
- Preparación para novos formatos de paquetes para axudar a futuros desenvolvedores
- Eliminación de bibliotecas obsoletas para mellorar a seguridade
- Compatibilidade total con Ipv6
- Compatibilidade con ficheiros grandes
- Creación automática de paquetes de depuración, un proxecto do Google Summer of Code pendente de ser integrado co resto da infraestrutura
- Mover as descricións longas de paquetes a unha “lista de paquetes traducida” separada, o que facilitará a súa tradución e reducirá o impacto en sistemas embebidos polo menor tamaño dos ficheiros “Packages”.
- Mellor integración de debtags, un sistema para etiquetar paquetes con múltiplos atributos para facilitar a selección de paquetes.
- Descartar e reconstruír os paquetes binarios subidos por mantedores, deixando só paquetes construídos nun contorno controlado.
O proxecto Debian está impaciente por traballar cos seus moitos proxectos e coa comunidade mundial de desenvolvedores de sofware libre para preparar a seguinte versión de alta calidade de Debian.
Fonte: Proxecto Debian
