Mancomún

Ofono: proxecto de Intel e Nokia para desenvolver unha solución de telefonía libre

Mércores, 13 Maio 2009
ofono logoOfono é un proxecto de recente creación por parte de Intel e Nokia e segundo a súa descrición oficial pretende ser “un lugar para xuntar a desenvolvedores para o deseño dunha infraestrutura para construír aplicativos para teléfonos móbiles (GSM/UMTS)”. Para máis información podes botarlle un ollo á arquitectura de Ofono ou ao código fonte.

Para poñernos en antecedentes, temos que recordar que hai escasamente uns meses que Nokia anunciou a compra do 100% das accións do sistema operativo libre para dispositivos móbiles Symbian. Ademais, nos seus dispositivos móbiles N810, xa usaban unha distribución de Linux denominada Maemo.

Na páxina da comunidade de Maemo non esperan que, polo de agora, ningún código deste novo proxecto de Intel e Nokia sexa incorporado á seguinte versión de Maemo 5, denominada Freemantle
Aínda non está moi claro cal pode ser o futuro deste proxecto, pero todo parece supoñer que será unha mellora para o sistema operativo Maemo para facer fronte ao Android de Google. Isto vese acentuado polo feito de que un dos impulsores do proxecto é Aki Niemi, encargado do desenvolvemento de Maemo.

Outros opinan que podería formar parte dunha futura estratexia de Nokia para fornecer dun sistema operativo a uns posíbeis ultraportátiles que vendería a compañía finlandesa.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal