O Máster en Consultoría de Software Libre da Escola Superior de Enxeñería Informática inclúe un novidoso formato para a presentación do traballo de final de Máster. Este traballo consiste no desenvolvemento dun proxecto de empresa tecnolóxica, e a novidade é que o alumnado deberá presentar e defender o seu proxecto diante de posibles inversores. O tribunal que avaliará estas iniciativas estará formado tanto por profesores como por inversores.
Durante dous días, o 16 e 17 de xullo, os alumnos reuniranse cos inversores para convivir e intercambiar puntos de vista. Deberán presentarlles as súas ideas ata convencelos de que invistan diñeiro nelas. Durante a defensa dos proxectos, será tan importante o acto da exposición como a cea posterior cos inversores, o que obrigará ao alumnado a saber expresar e comunicar axeitadamente a súa idea aínda que se trate dunha cea de dúas horas con inversores que son xente da que precisan pero que lles resulta allea. É imprescindible ter a idea ben desenvolvida e traballada así como saber comunicala da forma máis elocuente posible para evitar que os inversores perdan o interese e decaia a súa atención.
O enxeñeiro Javier Rodeiro, codirector do Máster, di que «Os plans de fomento de viveiros de novas empresas do Concello, da Cámara de Comercio e da Tecnópole deben ter accións paralelas que axuden aos profesionais a madurar e presentar a súa idea para obter financiamento, público ou privado». As empresas de inversión privada están sempre á procura de boas ideas nas que involucrarse e os estudantes teñen estas iniciativas. “Tratamos de fomentar a capacidade e o esforzo para levar á práctica a idea” indica Rodeiro. O alumnado ten que saber vender ben as súas ideas, e aplicar as técnicas de comunicación tanto verbal como non verbal.
Nesta edición do Máster, hai un total de 28 alumnos que, distribuídos en grupos, desenvolveron 7 ideas empresariais que terán agora que defender. Rodeiro advirte que o obxectivo non é que o alumno teña que crear unha empresas senón que sexa quen de desenvolver ata o final unha idea empresarial.
Máster Universitario en Consultoría de Software Libre
O Máster Universitario en Consultoría de Software Libre é o primeiro máster oficial público en Software Libre en Galicia e en Setembro de 2010 comezará a súa terceira edición, para a que en breve se abrirá o prazo de inscrición.
Este Máster, organizado pola Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, ten como obxectivo a formación de profesionais cun coñecemento amplo e sólido que os capacite para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas en ámbitos concretos das TIC, aplicando métodos, técnicas e ferramentas propios da Enxeñería, e baseados en FLOSS.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica cofinancia este Máster dentro do seu plan de acción FLOSS para o ano 2010 co obxectivo de apoiar a formación de profesionais cualificados e capacitados para ofrecer servizos TIC baseados en FLOSS.
Fonte: La Voz de Galicia
