Os contornos de escritorio máis coñecidos no mundo de GNU/Linux (e outros sistemas de tipo UNIX) son Gnome e KDE. Son ambientes completos de escritorio, que fornecen ao usuario de todo o que precisa para traballar comodamente. Desde clientes de correo electrónico (Evolution, Kmail, etc), navegadores, reprodutores de medios (Amarok, Listen, Rhythmbox, etc), … As distintas distribucións de GNU/Linux adoitan incluír como opción por defecto algún deses dous ambientes de escritorio. Pero, dende logo, non son as únicas opcións existentes. A oferta é ampla, e para todos os gustos. De xestores de fiestras sinxelos e veloces ata contornos completos de escritorio, con aplicativos propios, como por exemplo, Xfce.
Xfce é un contorno de escritorio para sistemas operativos de tipo Unix. Ten como obxectivos ser rápido e lixeiro, sendo ao mesmo tempo visualmente atractivo e sinxelo para o utilizador.
Está formado por unha serie de compoñentes que proporcionan todas as funcionalidades que se poderían esperar dun contorno de escritorio moderno. Estes compoñentes van empaquetados por separado, para que resulte sinxelo escoller aqueles que se necesiten para crear un ambiente de traballo personalizado.
Outra das prioridades de Xfce é o respecto e cumprimento dos estándares, sobre todo daqueles definidos pola iniciativa freedesktop.org.
Pódese instalar Xfce en varias plataformas UNIX, e sábese que se puido compilar con éxito en Linux, NetBSD, FreeBSD, OpenBSD, Solaris, Cygwin and MacOS X, en máquinas x86, PPC, Sparc, Alpha…
No apartado técnico, poderíase destacar que Xfce constrúese sobre as librarías gtk+ (versión 2.10 ou superior) e glib (versión 2.12 ou superior), e que entre as dependencias para a compilación atópanse autoconf, automake, intltool, pkgconfig…
E, pola parte que nos toca neste recuncho do mundo, non poderiamos deixar pasar a ocasión de agradecer aos membros do Proxecto Trasno, baixo a coordinación de Leandro Regueiro, que están a traballar para que poidamos empregar Xfce no noso idioma.
Ao igual que cos casos de KDE e Gnome, existen distribucións de GNU/Linux que optan por Xfce como escritorio predeterminado, como por exemplo Xubuntu, Zenwalk Live, etc.
Dende Ubuntu, ou mesmo dende Galinux, podemos instalar Xfce de xeito sinxelo, dende o xestor de paquetes Synaptic. Buscando “xfce” apareceranos unha lista de distintos paquetes, correspondentes aos distintos compoñentes dos que falabamos antes, e entre os que poderemos escoller os que máis nos interesen.
Ou ben, doutro xeito máis sinxelo, poderiamos instalar o paquete “xubuntu-desktop”, que nos instalaría todos os paquetes que conforman o sistema de escritorio que se inclúe na distribución Xubuntu.
