Mancomún

Petición de contribucións para as V Xornadas Multimedia organizadas por GPUL

Martes, 3 Abril 2012

Logo de GPULDende GPUL abren o prazo de presentación de contribucións para participar nas V Xornadas Multimedia, que un ano máis reunirán durante os días 4 e 5 de maio a persoas con interese no campo da multimedia en software libre ao redor de charlas, obradoiros e concursos con contidos de corte multimedia, pero sempre xirando arredor do mundo do software libre, os estándares abertos ou mesmo a cultura libre.

Con este anuncio fan un chamamento á participación nas mesmas, convidando a todos os interesados en temas multimedia en xeral a participar activamente nas xornadas, enviando unha proposta de charla ou obradoiro e, por suposto, a asistir ás xornadas.

Aqueles interesados en propoñer un relatorio ou obradoiro deberán facelo antes do 14 de abril a través do formulario habilitado na plataforma de xestión de contribucións, previo rexistro no evento, atendendo ás seguintes instrucións.
Requisitos de presentación

  • Temática: estará relacionada coa Multimedia en software Libre. As propostas poden ter todo tipo de enfoques: divulgativo, desenvolvemento, investigación…
  • Lingua: poderanse presentar propostas en galego, castelán, portugués, inglés ou francés.
  • Software: todo software referenciado debe de ser compatible coa definición de Software Libre da FSF. O mesmo se aplica para o caso do hardware e a definición do OSHW.
  • Gravación e distribución dos contidos: o poñente autoriza a GPUL a facer unha gravación da súa intervención, así como a distribuír tanto a gravación coma o resto do material empregado durante a intervención, baixo unha licencia libre (segundo a FSF).

Dende a directiva, agardan tanto as vosas propostas como a vosa asistencia, pero sobre todo que o pasedes ben e que lle deades a máxima publicidade posible ao evento.

Lembramos tamén que ata o próximo día 7 de abril segue aberto o prazo para remitir propostas de participación nas Xornadas Libres

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal