Mancomún

Redeiras, a nova rede social 100% software libre para o profesorado galego

Martes, 10 Abril 2012
  • A nova rede social será un espazo de encontro, de comunicación e colaboración entre os docentes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de crear Redeiras, unha rede social, baseada 100% en software libre, para favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, proporcionándolle un espazo de encontro, comunicación e colaboración onde intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades, iniciativas, etc. como complemento á súa práctica educativa.

RedeirasTrátase dun proxecto desenvolto por Asesores Abalar, fundamentado en tecnoloxías baseadas en software libre (ELGG e LAMP), que toma como base o núcleo da ferramenta de software libre ELGG para crear unha nova rede social integrada no sistema corporativo de autenticación de usuarios da Consellería que incorpora módulos e funcionalidades propias.
Un espazo profesional

Redeiras é unha rede social educativa con vocación profesional, destinada aos docentes dos centros públicos de ensino non universitario de Galicia e aloxada nos sistemas informáticos da Consellería, nun entorno profesional e fiable.

Así mesmo, Redeiras ofrece todas as funcionalidades propias de calquera outra rede social, como son a creación de espazos privados e individuais, a creación de espazos de grupo e creación de grupos por intereses comúns, o intercambio de ficheiros, a publicación de contidos personalizados ou de grupo, a posibilidade de compartir ficheiros e documentos, a creación de documentos colaborativos en liña, o intercambio de marcadores de internet, a publicación de contidos multimedia (imaxe, vídeo e son), un servizo de mensaxería interna para uso exclusivo entre os usuarios da rede social, etc.

A nova rede social nace con expectativas dun crecemento continuo, tanto no número de usuarios como no número de funcionalidades, contemplando a posibilidade de futuras incorporacións de novos servizos e melloras nesta plataforma.

O proxecto Redeiras súmase así ao conxunto de ferramentas da web 2.0 que actualmente ofrece a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á comunidade educativa.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal