Mancomún

Presentación da V Conferencia Internacional de Software Libre

Mércores, 4 Novembro 2009
Hoxe presentouse en Madrid o programa da V Conferencia Internacional do Software Libre que terá lugar en Cáceres entre o 1 e o 3 de decembro.

Un programa especificamente deseñado para debater solucións para o sector empresarial nun momento no que as tecnoloxías abertas son unha oportunidade.

CENATIC participa como promotor desta Conferencia Internacional de Software Libre que este ano ten o lema “Novos Contornos, Novas Oportunidades”.

Esta mañá presentouse en Madrid a V Conferencia Internacional de Software libre. No acto estiveron presentes o director xeral de red.es Sebastián Muriel; o director xeral de Telecomunicacións e Sociedade da Información da Junta de Extremadura, Rafael Martín; a secretaria xeral de Telecomunicacións e Sociedade da Información da Junta de Andalucía, Pilar Rodríguez; e o director xerente de CENATIC, Miguel Jaque.

Foto: De esquerda a dereita, D. Miguel Jaque, Dña. Pilar Rodríguez, D. Rafaél Martín, e D. Sebastián Muriel

Na súa intervención, o director xeral da entidade pública empresarial red.es, Sebastián Muriel, afirmou que “España atópase entre os países máis activos da UE en materia de adopción de software libre nas Administracións Públicas e esta V Conferencia Internacional de Software Libre, axudará sen dúbida a situarnos como un referente no uso e implantación do Software de Fontes Abertas

Pola súa banda, a Junta de Extremadura e a Junta de Andalucía, organizadores da conferencia, puxeron de manifesto que as tecnoloxías baseadas en software libre constitúen para os seus gobernos un dos cimentos máis sólidos sobre os que apoiar o sistema produtivo rexional para afrontar a situación económica actual.

Miguel Jaque, director xerente de CENATIC afirmou que "o apoio e patrocinio desta Conferencia Internacional reforza o labor que vén facendo o centro como elemento aglutinador de todo o sector das tecnoloxías abertas", e considerou moi acertado "mostrar a través da Conferencia que o software de fontes abertas é unha oportunidade de negocio para a empresa española".

Un programa dirixido ás empresas

O programa de actos para esta V Conferencia Internacional de Software Libre, preséntase baixo o lema “Novo contorno económico, novas oportunidades”, e está orientado fundamentalmente a mostrar as vantaxes que esta alternativa tecnolóxica pode achegar á estratexia produtiva e competitiva das empresas.

Neste sentido Rafael Martín subliñou “a capacidade única dos produtos de software libre para adaptarse rapidamente ás circunstancias dun mercado en continuo proceso de cambio. As solucións baseadas en software libre proporcionan axilidade e flexibilidade á estratexia competitiva das empresas que resulta dun valor fundamental nos procesos de diversificación produtiva e internacionalización da oferta”. Para a secretaria xeral andaluza de Telecomunicacións e Sociedade da Información esta alternativa, ademais, estimula a iniciativa empresarial, o emprendemento e a competitividade xa que facilita o nacemento dun mercado local do software, crea emprego e tamén contribúe a pór en marcha ideas de colaboración entre empresas que fortalecen a súa presenza nos mercados.

Máis de 60 relatores para tres días de conferencias.

Durante os tres días nos que se desenvolverá a Conferencia Internacional está prevista a celebración de dez paneis de expertos, catro talleres e titoriais e outras tantas sesións plenarias nas que participarán máis de sesenta relatores. Entre eles, personalidades como Rahaf Harfoush, experta en novos medios de comunicación e o impacto da tecnoloxía sobre a empresa, e que en 2008 formou parte da campaña de comunicación en liña de Barak Obama. Ademais, a Conferencia contará con conferenciantes como Eduardo Punset, recoñecido divulgador científico en España, Alfons Cornellá, distinguido polos seus traballos en torno á xestión da información, Rafael Pampillón, director da área de Economía do Instituto de Empresa, Jesús González Barahona, profesor na Universidad Rey Juan Carlos, ou Simón Hergueta, creador da web Gaia.

Fonte: Nota de prensa de CENATIC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal