O equipo de desenvolvemento de Trisquel GNU/Linux presenta o vindeiro martes 16 de decembro a nova versión para centros educativos do sistema operativo libre, Trisquel Edu. O acto terá lugar na Aula Magna do Mosteiro de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela, ás 18:30 horas. Os interesados deberan confirmar asistencia en trisquel@trisquel.uvigo.es.
O acto contará coa participación da Universidade de Vigo (Facultade de Ciencias e Escola de Enxeñaría Informática), o Colexio Juniors de Santiago, o xornal Código Cero, a Consellaría de Innovación e Industria, e o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún.
Durante o acto repartiranse copias do programa e farase un chamamento de axuda á comunidade docente, para colaborar na inclusión de paquetes de software libre de carácter educativo. Nesta data publicaranse tamén actualizacións das versións empresarial e doméstica.
Trisquel GNU/Linux
Trisquel GNU/Linux é un sistema operativo totalmente libre, en galego, castelán, catalán, vasco e inglés, que conta con edicións para o fogar, a escola e a PEME. Esta distribución vén de ser avaliada como 100% libre por GNU e introducida, consecuentemente, na lista de distribucións recomendadas por GNU/FSF.
