
A asistencia a estas xornadas está aberta a calquera persoa con interese en achegarse ao software libre, hardware libre ou cultura libre en xeral. A asistencia é de balde e é recomendable inscribirse na xornada a través da plataforma habilitada aos efectos para facilitar o control do aforo.
Logo de finalizado o período de chamamento á participación e valoradas as contribucións recibidas o programa inclúe temas de carácter máis básico como introdución á colaboración con proxectos de software libre, a xestión de proxectos con software libre, ou a presentación dunha nova distribución Linux; e outros de carácter máis técnico e avanzado como introdución ao desenvolvemento con QT e KDE ou computación numérica con NumPy, entre outros.
O programa completo é o seguinte:
- Como colaborar cun proxecto de SL ? Charla na que se comentará como colaborar cun proxecto de Software Libre, poñendo como exemplo práctico o caso de KDE. José Millán Soto (GPUL)
- Linux Espín, nova distribución Linux . Linux Espín é un sistema operativo que ten como fin a universalización, é dicir poder executar da forma máis cómoda e rápida posible, sen causar moitas molestias ao usuario, calquera aplicación que estea deseñada para outra plataforma. José Luís Barrán Calvo (Espín)
- The Apache Way at the Apache Software Foundation . Charla sobre a ASF, a súa estrutura, proxectos e filosofía. Que regras rexen as contribucións e como se pode participar. Carlos Sánchez (ASF)
- Netiqueta: un pouco de civismo en Internet. Co avance dos distintos modos de comunicación, e do acceso progresivo a eles por parte de xente no técnica, dánse situacións que fan ver necesarias unhas mínimas normas de educación. O RFC 1855 é unha das máis antigas normas de Internet. Francisco Javier Tsao Santín (GPUL)
- Como colaborar co proxecto QEMU . Como contribuír a un proxecto como QEMU desde o punto de vista dun desenvolvedor experimentado. Juan José Quintela Carreira (FIC)
- Introdución ao desenvolvemento con Qt e KDE . Nesta charla presentarase o framework Qt e KDE Development Platform, explicando as súas posibilidades mediante exemplos. Tamén se falará dos cambios que van a implicar Qt5 e KDE Frameworks. José Millán Soto (GPUL)
- Desenvolvemento dun framework MVC con PHP5 . Comezarase introducindo a programación orientada a obxectos e o patrón de deseño Modelo-Vista-Controlador empregando a linguaxe PHP. A continuación, implementarase paso a paso unha aplicación web seguindo as directrices deste patrón e os convenios actuais nun entorno LAMP. Francisco Sobrino Rey (Nosotros Lo Tenemos)
- Xestión e planificación Open Source con LibrePlan . As ferramentas de xestión e planificación de proxectos non teñen un lugar destacado no mundo Open Source, mais cobren unha necesidade básica en organizacións de certas dimensións. LibrePlan propón unha solución colaborativa e multiplataforma para esta necesidade, completamente desenvolvida de maneira aberta. Amosaranse as súas características e potencial aos presentes e futuros xestores de proxectos entre o público. Igalia S. L.
- Computación numérica con NumPy: é o momento de abandonar Fortran? Para realizar análise numérico de problemas físicos durante décadas empregouse Fortran, a linguaxe en activo máis antiga. Pero nos últimos tempos teñen xurdido algunhas alternativas, das cales a combinación de Python coa súa biblioteca de funcións Numpy é unha das melloras candidatas. Francisco Javier Tsao Santín (GPUL)
- Xestor de Proxectos: Redmine + Git + Nginx . Instalación e posta en marcha dun servidor para xestionar proxectos de desenvolvemento usando Redmine, GIT como control de versións e Nginx como servidor. Óscar García Amor (GPUL)
Dende a directiva de GPUL agardan a vosa asistencia así como que desfrutedes co interesante e completo programa Así mesmo agradecen toda a difusión posible das xornadas para chegar ao maior número de público posible.
Estas xornadas contan coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña, da Universidade da Coruña, de Igalia e da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración coas AGUSL para o fomento, difusión e formación en software libre.
