Mancomún

Proxectos OpenSource alternativos ao Mac Media Center

Martes, 22 Agosto 2006
En NewsForge veñen de publicar unha revisión sobre dous recentes proxectos open source alternativos ao Mac Media Center. Trátase de iTheater e CenterStage que engaden ao Front Row de Apple compatibilidade hardware, características adicionais e a dispoñibilidade do código fonte.

iTheater foi lanzado en xaneiro de 2006 e é o máis recente dos dous. A versión actual é a 0.1.2a mais xa conta con tódalas funcionalidades básicas implementadas. Soporta reprodución de DVD, reprodución de ficheiros de vídeo, reprodución e exploración de ficheiros de música e presentación de fotos. Require un procesador G3 ou superior en o OS X 10.3 ou posterior.

Emprega as aplicacións “iLife” para a reprodución dos arquivos multimedia; iTunes, iPhoto e QuickTime, co que obteñen unha aplicación máis lixeira, segundo din os seus desenvolvedores.

CenterStage comezou a se desenvolver en Xaneiro de 2005. A versión actual soporta reprodución de vídeo e música e exploración de fotos. Empeza a ter soporte para gravación de radio FM e TV co hardware Griffin RadioShark and EyeTV. Require un procesador G4 ou superior e o OS X 10.4.5.

Como o iTheater, emprega as librerías do sistema para a reprodución dos arquivos multimedia. Para encher o oco do organizador de vídeo iLife, desenvolveron unha aplicación aparte chamada BackStage que permite engadir ou eliminar cartafois onde buscar os ficheiros das películas. Desafortunadamente, aínda non ten soporte para a reprodución de DVD.

Máis información: NewsForge

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal