Mancomún

Publicada a Guía de boas prácticas para a liberación de documentación no Repositorio Documental de Software Libre

Martes, 27 Maio 2014

Imaxe do Repositorio Documental de Software LibreA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar a Guía de boas prácticas para a Liberación de Publicacións da Xunta de Galicia no Repositorio Documental de Software Libre, tanto na súa versión orixinal en galego como traducida ao castelán e en formato wiki, convencida da utilidade da mesma para outras administracións así como para calquera persoa, sexa ou non traballador da Xunta de Galicia.

A Amtega considera que as boas prácticas recollidas nesta guía á hora de incluír adecuadamente unha licenza nos diversos tipos de material documental, poden ser útiles para docentes que elaboran materiais educativos para o seu alumnado, para traballadores de empresas do sector dos contidos, profesionais autónomos, e en xeral para toda a cidadanía que teña interese en publicar materiais documentais con licenza libre.
Esta guía foi presentada o pasado mes de marzo pola Amtega, coincidindo co Día Internacional da liberdade Documentos (DFD) e recolle recomendacións sobre sobre a xestión da propiedade intelectual no proceso desenvolvemento das obras, analiza os diferentes tipos de licenciamento mediante licenzas libres e finalmente inclúe recomendacións de uso de formatos abertos e de ferramentas en Software Libre para o traballo con documentos de texto, imaxes, vídeos e obras sonoras.

Co obxectivo de incrementar a visibilidade da guía, facilitar o acceso á mesma por calquera persoa interesada en liberar documentación, publícase agora tamén en formato wiki, como Guía de boas prácticas para a liberación de publicacións no Repositorio Documental de Software Libre, o que permitirá que poida ser facilmente mellorada, revisada, ampliada con outros casos de uso, etc. por calquera usuario do portal mancomún.

Esta guía é o resultado de diversas accións formativas dentro da Administración realizadas en 2013 de cara a fomentar a publicación baixo licenzas libres dos contidos editados pola Xunta de Galicia, así como a súa reutilización e difusión.

Esta acción persegue contribuír a fomentar a difusión das vantaxes das licenzas copyleft e o concepto Cultura Libre dentro das actuacións do Plan de Acción en Software Libre 2014.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal