Mancomún

Publicado Mesa 7.5

Luns, 20 Xullo 2009

MesaEste pasado venres 17 de xullo lanzouse a versión 7.5 de Mesa.

Mesa é unha implementación en código aberto da especificación OpenGL. É dicir, un sistema para amosar gráficos 3D interactivos.

Unha gran variedade de controladores de dispositivo permiten empregar Mesa en moitos contornos diferentes, dende emulación por software ata aceleración completa por hardware nas tarxetas de vídeo modernas.

Mesa emprégase xunto con outros proxectos de código aberto, como a Direct Rendering Infrastructure e X.org para conseguir compatibilidade con OpenGL para os usuarios das X en Linux, FreeBSD e outros sistemas operativos.
A nova característica máis sobranceira de Mesa 7.5 é a infraestrutura Gallium3D, unha nova arquitectura para controladores independente do sistema operativo e da API empregada. Outras características son:

  • A extensión GL_ARB_framebuffer_object (para controladores por software e para o controlador i965)
  • A extensión GL_EXT_vertex_array_bgra (tamén para controladores por software e para o controlador i965)
  • Actualizacións nas optimizacións en ensamblador para SPARC
  • Aumentouse o número máximo de variábeis xenéricas GLSL a 16 (antes o máximo eran 8)
  • Compatibilidade inicial para unidades separadas de compilación no compilador GLSL.
  • E moitas máis

Do mesmo xeito, arranxáronse algúns erros

  • Moreas de erros no controlador i965
  • Arranxáronse varios erros no preprocesador GLSL
  • GLSL: Os continue dentro de bucles for non funcionaban

Mesa 7.5 é unha versión de desenvolvemento. Aqueles que necesiten estabilidade e fiabilidade deberían permanecer na rama 7.4.x ou ben agardar por Mesa 7.5.1.

Esta versión implementa a API OpenGL 2.1, pero a versión que imprima glGetString(GL_VERSION) dependerá do controlador que esteamos a empregar. Algúns controladores non son compatíbeis con todas as características necesarias en OpenGL 2.1.

Pode botar un ollo á páxina de compilación e instalación para ver os prerequirimentos para a aceleración gráfica por hardware.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal