Mancomún

Publicado novo número do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas

Xoves, 2 Xuño 2016

Como cada mes, vimos de publicar un novo número do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas, no que tratamos de destacar enlaces interesantes sobre iniciativas deste tipo que poidan ser interesantes e no que destacamos algunha ferramenta e caso de éxito de Software Libre.

Logo democracyOSEste mes centrámonos en DemocracyOS, unha ferramenta web orientada á xestión de procesos participativos, creando debates e propostas que poden ser votadas.

Está sendo empregada por gobernos como o de México para recoller e debater propostas cidadás ou por organizacións como a Open Knowledge Foundation en Brasil.
Seguindo con México, recollemos tamén unha interesante nova sobre unha importante migración de datos públicos liberados polo INEGI Mexicano en OpenStreetMap co obxectivo de mellorar a cartografía do país.
Dentro do interese máis específico para á administración facemos eco da publicación de novas versións de varias ferramentas específicas que se están a empregar noutras comunidades autónomas.
Por último, destacamos tamén unha nova migración a LibreOffice, neste caso por parte do exército italiano, país no que está a haber últimamente moitas iniciativas deste tipo a diferentes niveis dentro da administración.

Boletín de reutilización de Software Libre

Dende agosto de 2014, a oficina de coordinación de software libre da Amtega vén elaborando e difundido entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia un boletín, de periodicidade mensual, sobre reutilización de software libre polas administracións públicas. Nel recóllense iniciativas sobre solucións libres, open data e estándares abertos; experiencias de uso de ferramentas libres que se identifican noutras administracións públicas de interese e aplicabilidade dentro da Xunta de Galicia; documentación ou formación de interese nesta materia, etc.

Dende Outubro de 2015, este boletín vense publicando no portal mancomún, co obxectivo de incrementar a difusión desta información noutras administracións públicas, como por exemplo as entidades locais, ou en calquera outra entidade ou organismo que lle poida ser de utilidade.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal