Mancomún

Publicado o estudo comparativo de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre

Venres, 4 Marzo 2011

comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libreA Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica fai público hoxe un estudo cunha comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre, elaborado pola Oficina de Coordinación FLOSS.

Trátase dun dos compromisos recollidos no Plan de Acción 2010 no que se establecía que a Oficina de Coordinación FLOSS encargaríase da realización de estudos tecnolóxicos e funcionais sobre solucións empresariais orientadas as empresas con presencia en Galicia, focalizándose no máis adecuado para o tecido non TIC local.

Este primeiro estudo titulado “Comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre” trata de dar resposta á necesidade detectada de mellorar a presencia en Internet das empresas galegas e poñer en valor as diferentes plataformas FLOSS de comercio electrónico para a venta de produtos e servizos a través da rede.
No ámbito do comercio electrónico existen moitas alternativas FLOSS. Estas alternativas soen ofrecer a posibilidade de instalar unha tenda en liña que adoita ser en grande medida básica, cun deseño gráfico e funcionalidade non adaptados completamente aos requirimentos da empresa. En consecuencia, a peme que non posúa coñecementos técnicos ou persoal informático cualificado soe requirir a contratación de servizos expertos que lle axuden a instalar, adaptar e configurar correctamente o seu proxecto de comercio electrónico. Os custos engadidos estarán determinados pola adaptación da solución elixida e a complexidade do proxecto particular.

No estudo analízanse e compáranse as principais solucións FLOSS dispoñibles para creación de tendas de comercio electrónico adaptadas ás necesidades da peme galega. Partindo dunha análise inicial dos aplicativos dispoñibles que cobren as funcionalidades de montaxe dunha tenda en liña, estudouse a popularidade das plataformas FLOSS en base ao seu posicionamento nos buscadores, ao número de implantacións e ao tamaño das comunidades de usuarios e desenvolvedores en torno a cada plataforma. Deste fase inicial, seleccionáronse cinco das ferramentas FLOSS máis populares empregadas para a posta en funcionamento de tendas en liña a través de Internet: osCommerce, Magento, PretaShop, VirtueMart e Ubercart, para as que se fai unha análise máis detallada sobre os puntos fortes e febles de cada unha destas plataformas.

A Comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre pode descargarse dende a sección de Documentación do portal Mancomún. Desexamos que este traballo permita a empresas de distintos ámbitos seleccionar e implantar solucións de software libre para xerar máis riqueza e negocio na nosa comunidade.

Tradución ao galego de Magento

Este estudo é complementario doutras das accións realizadas en 2010 a través do Convenio de colaboración con AGASOL como é a tradución ao galego da plataforma Magento.

AGASOL realizou a localización ao galego deste aplicativo na súa versión estable no momento de execución da actividade: Magento 1.4.1.1. Esta localización requiriu a tradución de 55 ficheiros .csv, que incluían máis de 7000 cadeas de texto, ademais de 31 modelos de correo electrónico.

Ademais da tradución realizouse tamén un proceso de fixación terminolóxica no conxunto da localización con especial atención ao campo específico da linguaxe vinculada ao comercio electrónico, ámbito léxico con claras lagoas en galego.

En canto á integración no repositorio do proxecto Magento da tradución ao galego, establecéronse contactos coas persoas responsables e estase á espera das autorizacións necesarias para a publicación dos ficheiros. Mentres isto non sexa así, a instalación da lingua galega debe facerse manualmente. Tan só require copiar o cartafol cos ficheiros en galego dentro da carpeta /app/locale/ baixo o nome gl_ES que é o identificativo de internacionalización da lingua.

Unha vez copiados procédese á instalación do software e seleccionase galego durante os pasos iniciais ou, se xa está instalado, debe cambiarse o idioma no menú: Sistema -> Configuración -> Opcións de configuración rexional e escoller Galego (España) no despregable Configuración rexional.

Como resultado desta actividade, e para garantir o retorno da mesma á comunidade de tradución publícase a memoria de tradución así como o vocabulario terminolóxico fixado no proceso.

Todos estes materiais da tradución de Magento encóntranse dispoñibles para a súa descarga no portal Mancomún.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal