Mancomún

Seminario "Software Libre e licenciamento" no CDTIC

Luns, 9 Xuño 2014

Os próximos mércores 11 de xuño e venres 13 de xuño, o CDTIC acollerá o seminario "Software Libre e licenciamento" que se impartirá en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Cratel do seminario Software Libre e Licenciamento

O obxectivo deste seminario é dar resposta ás principais preguntas ás que se enfronta quen se achega por primeira vez ao software libre, como cales son as razóns para liberar o software, cal é o xeito de facelo correctamente, onde atopar axuda, cando e onde liberalo ou como se poden obter beneficios co software libre.

Está dirixido principalmente a directivos e persoal técnico de empresas TIC. A asistencia é de carácter gratuíto, só cómpre rexistrarse previamente.

O programa destas dúas xornadas comezará coa explicación do concepto de software libre e a terminoloxía relacionada con el (open source, fontes abertas, floss…) e as licenzas libres e os seus tipos e continuará expoñendo as motivacións e vantaxes de liberar o software e como escoller e aplicar unha licenza ao software, para rematar dando unha visión das comunidades de software libre e o seu rol e os xeitos de gañar diñeiro con este tipo de software.
O programa completo é o seguinte:

  • Que é o software libre?
    • Free software, software libre, open source, fontes abertas, FLOSS, etc. Un pouco de luz para toda esta terminoloxía.
  • Licenzas libres
    • Que son as licenzas libres?
    • Tipos de licenzas libres. Cales son as diferenzas?
  • Por que debo liberar e publicar o meu software?
    • Motivacións, vantaxes e desvantaxes de liberar o meu produto.
  • Elección e aplicación dunha licenza para un produto software.
    • Como escoller a mellor licenza para o meu software?
    • Como aplicar a licenza ao meu software?
  • Cando e onde podo liberar o meu software?
  • Comunidades de software libre. Que son? Como funcionan?
  • Modelos de negocio ou como gaño cartos con isto do software libre?

A encargada de impartir este seminario será Mar Castro Pereiro, licenciada en Informática pola Universidade da Coruña e consultora especializada en software libre na empresa Igalia.

Para inscribirse cómpre rexistrarse previamente como usuario do CDTIC obtendo así un Espazo Usuario no Web do CDTIC dende o que poderedes:

  • Inscribirvos nas próximas actividades
  • Levar un histórico das actividades nas que teñades participado
  • Descargar documentación asociada ás mesmas
  • Cubrir on-line os cuestionarios de satisfacción relativos ás actividades nas que participedes.

Como xestionar un proxecto de software libre

Como complemento a estes seminario de introdución ao software libre e o licenciamento, o CDTIC ten programada para os días 19 e 20 de xuño outra actividade formativa que leva por título “Xestión dun proxecto de software libre” na que se mostrarán as ferramentas para xestionar proxectos open source.

Este curso permitirá aos asistentes, unha vez convencidos das vantaxes de liberar o software, profundar no coñecemento das ferramentas e as dinámicas da comunidade de desenvolvedores necesarias para xestionar un proxecto en aberto. Dende un punto de vista práctico, revisaranse as ferramentas que se empregan na xestión de proxectos open source e os seus fluxos de traballo nas comunidades arredor dos proxectos.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

Este seminario forma parte da oferta formativa en software libre no CDTIC dentro do Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal