Tanto para unha universidade, como para unha empresa ou calquera outra organización, a educación en liña vense configurando nos últimos anos como o mellor método para a difusión do coñecemento e a medición dos seus resultados.
A educación virtual permite, a través dun PC con conexión á Internet, acceder aos cursos, tarefas, exames, comunicarnos cos nosos compañeiros e titores, descargar o material das diferentes materias… Todo isto sen necesidade de asistir fisicamente ás sesións docentes e, ademais, permitindo un adaptación óptima do tempo requirido.
Para poder brindar estes servizos, a comunidade de desenvolvedores de software libre ten traballado en diversas plataformas, que permiten, eficientemente, crear unha plataforma propia de educación en liña. Presentamos, a continuación, algunhas das máis coñecidas.
* Efront é un completo sistema de educación en liña cunha interface moi agradábel e moderna. Entre as súas principais características destacan o editor de contido con capacidade de manexo de imaxes, sons, vídeos, flash e Java; administrador de ficheiros; posibilidade de asignar proxectos; enquisas. Este sistema é totalmente modular, multilingüe e traballa en calquera servidor con PHP e MySQL.
* Moddle é o sistema de educación de código aberto máis popular. Está construído con PHP e a base de datos MySQL (tamén pode traballar con PostgreSQL). Posúe un potente administrador de cursos que inclúe leccións, exames e documentos. Tamén conta con módulos que axudan á interacción de estudantes e titores (chat, foros, enquisas, talleres). Actualmente é utilizado en máis de 1.000 sitios web -grazas a isto, posúe unha extensa documentación e unha gran comunidade ao seu redor.

* Dokeos é unha excelente plataforma de aprendizaxe. Permite crear cursos virtuais empregando diferentes modelos; importar cursos SCORM -do inglés “Sharable Content Object Reference Model”, é unha especificación que permite crear obxectos pedagóxicos estruturados-; avaliar os alumnos por medio de tests e enquisas; realizar un seguimento exhaustivo usando as ferramentas de interacción; converter documentos de texto e presentacións de imaxes en e-cursos e organizar videoconferencias.

* Claroline é unha plataforma de aprendizaxe e traballo virtual de código aberto e software libre que permite aos formadores construír eficaces cursos en liña e xestionar as actividades de aprendizaxe e colaboración na web. Traducido a 35 idiomas, Claroline ten unha gran comunidade de desenvolvedores e usuarios en todo o mundo.

* Ilias é unha poderosa ferramenta web para a educación virtual que conta con escritorio persoal desde onde se utiliza o sistema, notas, marcadores, etc. Ademais ofrece un completo contorno colaborativo desde onde se poden crear grupos de traballos ou grupos con intereses comúns.

* Sakai é unha solución que, non só se centra en ensinar e aprender, senón que tamén ten funcións para realizar investigacións e colaboracións administrativas. Con este aplicativo pódense crear cursos, administrar materias, compartir documentos e preparar exames. Sakai ofrece ademais módulos de anuncios, chat, foros e moitas outras funcións. Está programado en JAVA.

* Olat é un sistema baseado en Java e Ajax, multilingüe e de código aberto. Con el é posíbel crear facilmente cursos, wikis, foros, tarefas e máis. Integra un sistema de mensaxería instantánea para mellorar a comunicación e ten un instalador moi completo que facilita en gran medida a súa configuración.

Fonte: Web Resources Report
