Mancomún

"Suse é unha solución empresarial, un produto certificado, soportado e mantido"

Luns, 6 Novembro 2006

Agora mesmo Novell está de actualidade en Cataluña porque desenvolvestes o Linkat, un produto de Software Libre para o sector educativo. Como foi a experiencia?

Nesta experiencia aplicamos o concepto de ecosistema de suma de valores. Collimos varias empresas, cada unha achegou o que mellor sabe facer en cada parte. Isto fixo que sexa un produto moi competitivo, moi estable, permite e permitirá un antes e un despois nas solucións educativas en toda España porque conseguimos que fose fácil de instalar, amigable, usable e que cada un achegue o seu valor. Os da Consellería de Educación achegaron o que saben sobre educación e as empresas tecnolóxicas a tecnoloxía necesaria para que isto funcione.

É o sector educativo o camiño máis doado para introducir o Software Libre na administración? 

Diría que o primeiro no que hai que entrar pero a idea xa se está a estender a outras consellerías con precaución porque sempre o cambio é complicado. Pero si, a Generalitat de Catalunya ten coma obxectivo igual que todos os gobernos estendelo por exemplo á administración local e crear unha folla de ruta de implantación de Software Libre en diferentes partes da administración.Pere Martínez

En Galicia está a administración dando pasos rápidos ou lentos na implantación do Software Libre comparado con outras comunidades?

Estaba vendo un estudio precisamente onte que dicía que era a quinta ou a sexta comunidade autónoma en empresas de Linux do Estado Español. Estades ben situados. Tendes xente con coñecementos, tendes unha base sólida e coas ideas moi claras. Non queredes inventar a roda senón ver, observar, copiar e, se cabe, mellorar. Eu creo que esta é a mellor orientación, non só no plano tecnolóxico, senón económico ou de negocio. Nese sentido están universidade, goberno e empresas polo que auguro que imos facer achegas coma Novell en poucos pasos. O que en moitos sitios se tivo que inventar e probar a ver se funciona aquí xa o podemos saltar e ir ao que xa funciona.

 Que ofrece Suse que non ofrecen outras distribucións?

Suse ofrece coma vantaxe a outras distribucións unha solución empresarial. Está certificada, soportada e mantida. Hai unha folla de ruta do produto moi definido polo que calquera empresa que aposte por esta tecnoloxía ten claro que haberá unha nova actualización, con datas concretas e certificado, mantido e soportado non só por nós senón tamén polos maiores fabricantes de software. Ademais hai diferentes modalidades de subscrición con soporte incluído, se queres 24×7, se queres resposta 8×5… É ademais multiplataforma e ademais todo o código do produto, desde o escritorio ao servidor é multiplataforma, polo que podes dar resposta a calquera reto tecnolóxico en calquera plataforma.

Cales son os próximos retos de Novell?

O máis inmediato é o escritorio. Nós apostamos moi forte por el, queremos competir directamente con Microsoft e é unha realidade. O XGL que sacamos tan usable e amigable coa interacción total co usuario permítenos sacar unha alternativa ao que Microsoft vai sacar con Vista.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal