Vemos a seguinte nova na páxina de Trisquel:“Trisquel 2.2 Robur está listo para descarga. Esta é a terceira e última actualización de mantemento da rama 2.x LTS”- que recibirá actualización ata o 2013.
A nova versión, publicada onte, 9 de agosto, inclúe máis de 200 actualizacións de software, alén de dispoñer de versión para 32 e 64 bits, un novo tema para o escritorio máis limpo e catro novos idiomas preinstalados. Segundo comentan na propia páxina: “Esta selección de idiomas coincide coa de Trisquel 3.0, que está case lista para ser publicada”.
Tamén están remodelando a páxina web de descargas “para facer mellor uso do novo mirror (réplica) nos Estados Unidos proporcionado pola FSF “ e comentan que “a Free Software Foundation tamén está a axudar coa documentación, para facer posíbel a migración dos seus servidores a esta versión de Trisquel.”…
Trisquel é un sistema operativo totalmente libre baseado en GNU/Linux, para usuarios domésticos, pequenas empresas e centros educativos. Tamén se trata dunha das distribucións 100% libre avaliada pola FSF e introducida na súa lista de distribucións recomendadas.
Trátase dun proxecto aberto, iniciado pola Universidade de Vigo e desenvolvido por unha comunidade de voluntarios co apoio da Facultade de Ciencias de Ourense, a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e empresas coma Sognus.
