Un aplicativo informático desenvolvido por un equipo científico da Universidade de Granada – CASIP, do departamento de Arquitectura e Tecnoloxía dos Computadores da Universidade de Granada- e bautizado como EDLUT permite reproducir calquera parte do sistema nervioso do corpo humano.
Grazas a este simulador, baseado en software libre e cuxo código foi liberado recentemente, pódese observar a retina, o cerebelo, os centros auditivos ou os centros nerviosos, entre outras partes.
"EDLUT representa un avance científico que permitirá analizar e comprender mellor as funcións dos centros nerviosos, investigar novas patoloxías e enfermidades ou ensaiar novos fármacos. Ademais, servirá para perfeccionar os robots e máquinas inspirados no corpo humano e o sistema nervioso", explicaron os investigadores da UGR.
Este novo aplicativo, a diferenza doutros parecidos que xa existían anteriormente, permite simular varios centos de miles de neuronas á vez, en lugar de varias decenas. Isto é posíbel grazas a que "compila" o comportamento dunha neurona ou varios tipos de neurona nunha primeira fase e logo simula sistemas neuronais de media e grande escala baseándose nestes modelos precompilados. "Este feito supón un avance tecnolóxico fundamental e repercute indiscutíbelmente na calidade da simulación dos nervios", apuntou o profesor Eduardo Ros Vidal, responsábel do proxecto.
O simulador presenta tamén como vantaxe que se trata de software libre, é dicir, que pode descargarse libremente a través de Internet. EDLUT supón "unha versión innovadora con respecto a outros simuladores como NEURON e GENESIS", polo que empresas do sector biotecnolóxico ou centros de investigación interesados neste ámbito poden empregalo libremente e adaptalo ás súas propias necesidades, precisou Ros.
Fonte da nova: Cenatic
