Mancomún

Unha aplicación baseada en SwL permitirá predicir a bolsa con novas financieiras

Martes, 19 Agosto 2008

BolsaInvestigadores da Universidade de Santiago (USC) traballan no deseño dunha aplicación informática pioneira en España, denominada ‘Forecasting‘ e desenvolvida con software libre, que detecta asociacións entre o contido das noticias financeiras e as variacións significativas da cotización de accións no [[IBEX35]].

Dado a fase inicial na que se atopa o proxecto o código fonte aínda non se atopa dispoñible, mais segundo informou recentemente a USC, o prototipo xa está a xerar grandes expectativas.

A ferramenta, realizada no Grupo de Sistemas Intelixentes da universidade compostelana, servirá para efectuar predicións a curto prazo sobre o movemento das accións en Bolsa e poderá adaptarse ao ámbito internacional, ampliando deste modo a súa utilidade.

A iniciativa é “unha novidade total no ámbito financeiro español e senta as bases tecnolóxicas e de modelado dunha aplicación capaz de competir con éxito neste eido”.

Seguindo unha orde temática, Forecasting organiza as noticias financeiras recuperadas das versións en liña dos principais xornais do eido e analiza o seu contido mediante técnicas de intelixencia artificial de filtrado semántico. Isto permite recoñecer a información máis relevante que poda afectar ao valor dunha determinada acción en Bolsa. 

O uso de técnicas intelixentes, coma son os conxuntos borrosos ou a computación lingüística, fanse necesarias para filtrar o volume inxente de información dispoñible (ata 300 noticias por hora) e para facer unha selección fiable. Deste xeito, cando se identifican os datos importantes sobre unha acción, outro módulo do sistema cruza esta información en tempo real coa cotización da mesma no IBEX35.

O estudo foi realizado pola estudante de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas María Dolores Corzón Leises, como proxecto fin de carreira e leva o título ‘Recuperación temática de noticias financeiras e a predición de tendencias a curto prazo en mercados de accións’.
 
O traballo dirixírono os investigadores Félix Díaz Hemida e Ronald Teijeira Fernández, do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC, no que xa se está a pór en marcha unha nova liña de investigación sobre a cuestión.
 
Fonte: USC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal