A compañía andaluza Isotrol acaba de poñer en marcha ‘Edu 2.0‘, unha plataforma tecnolóxica baseada en software libre e que recolle un conxunto de utilidades deseñadas para facilitar, a través de imaxes e exercicios prácticos, a aprendizaxe de conceptos e temas impartidos nos centros escolares.
Nunha nota, a compañía indicou que con esta ferramenta preténdese reforzar o sistema de aprendizaxe en niveis de primaria e secundaria, ademais de apoiar as políticas sociais emprendidas en educación desde o goberno.
‘Edu 2.0’ está baseada en software libre e en Ubuntu e atópase dispoñíbel para a súa descarga de forma gratuíta desde calquera ordenador conectado a Internet (www.edu2punto0.org). Ademais, destacou o uso "fácil e intuitivo" dos diferentes programas, a súa adaptación ao temario de niveis de Primaria e Secundaria e, "ante todo, a posibilidade de ser usado de forma libre e gratuíta por calquera usuario dentro ou fóra das aulas".
Isotrol, como socio de Canonical-Ubuntu en España, é a compañía responsábel de ofrecer este conxunto de aplicativos, que inclúe módulos de ciencias, lingua, matemáticas ou astronomía e ata aplicativos concretos para persoas con discapacidade lingüística e auditiva.
As ferramentas que conforman ‘Edu 2.0’ son o resultado do coñecemento obtido no ámbito educativo por Isotrol, que actualmente ofrece asistencia tecnolóxica en ‘software’ libre a máis de 2000 centros educativos con máis de medio millón de usuarios.
"Trátase dun conxunto de solucións xa probadas, que se presentan como unha seria alternativa ao uso de software propietario nos ordenadores portátiles que o Ministerio de Educación porá proximamente a disposición do alumnado de Primaria, rompendo barreiras como as asociadas ao uso de licenzas ou antivirus, e facilitando as tarefas de asistencia e mantemento diario dos equipos", concluíu.
Fonte: EuropaPress
