O Grupo Galego de Usuarios de Software Libre GALPon celebra o vindeiro día 18 de xullo a I Edición da BarCamp Verán 09 na cidade de Vigo. Aberta á participación de toda a comunidade, debateranse cuestións técnicas como a compilación de ficheiros fonte ou o traballo con paquetes binarios, arquitectura ARM, como crear un punteiro láser co mando da Wii… Ademais abordaranse outros temas de actualidade no campo do software libre como, por exemplo, se traballar ou non con Mono.
Tal e como explicara Fran Diéguez co primeiro BarCamp organizado en Galicia con motivo do XGN, neste tipo de encontros non existe un guión a seguir e calquera tema é válido dentro dunhas regras polo que na primeira edición partirase dos asuntos indicados con anterioridade pero abrirase a todos os que xurdan posteriormente.
O BarCamp celebrarase a partir das 20:00 horas na Cafetería Medalla de Oro e coincidirá coa reunión mensual que realiza GALPon o último sábado de cada mes pero que se adiantará nesta por mor da festividade do día 25.
Fonte: GALPon
