Rematado o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG, tócalle a quenda agora ao Concurso Universitario de Software Libre (CUSL), unha iniciativa que persegue o fomento do software, hardware e documentación técnica libre no que poden participar estudantes universitarios de grao, máster e doutorado así coma estudantes non universitarios de bacharelato, grao medio e superior do ámbito estatal español.
O Concurso, impulsado dende máis de dez anos por varias universidades do panorama nacional e máis por empresas ou asociacións do sector TIC, tomou a decisión de anticipar o plazo de inscrición para os premios deste ano deixando un prazo máis extenso para dotar aos participantes de máis tempo para estudar a idea e desenvolvela.
Dende o pasado día 15 de Outubro de 2016 e ate o día 15 de Febreiro deste ano 2017 está aberta a fase de inscrición ao XI Concurso Universitario de Software Libre. A inscrición, como adoita ser neste tipo de concursos, pode levarse a cabo mediante inscrición online.
Entre os obxectivos que persegue o CUSL, ademais de promover o desenvolvemento de software libre dentro das universidades, é dar visibilidade a todos eses alumnos que nos seus ratos libres desenvolven proxectos en Software Libre mediante un recoñecemento ao seu esforzo e labor.
O concurso está aberto a todo tipo de participantes sempre e cando cumpran co criterio de estar matriculados en grao, licenciatura, enxeñería ou estudos de postgrao algunha das Universidades españolas recoñecidas polo Ministerio de Educación y Ciencias; nun ciclo de formación de grao medio o superior ou bacharelato durante o curso 2016/2017, así como estar en disposición de poder acreditalo.
Segundo as bases mesmas do CUSL, o concurso consta das seguintes fases:
- Fase de inscrición: Durante este período, os participantes inscribiranse no concurso mediante o formulario da web.
- Fase de aceptación: Onde se comunicará a todos os participantes a lista de proxectos aceptados.
- Fase de desenvolvemento: Período destinado ao desenvolvemento dos proxectos aceptados.
- Fase final: Consistirá nun ciclo de conferencias e talleres onde serán expostos os proxectos finalistas e se procederá á entrega dos premios.
As datas das distintas fases das que se compón o desenvolvemento do Concurso están dispoñibles na web do Concurso, aínda que ditas datas están suxeitas a posibles cambios segundo criterio da organización.
Os proxectos deben estar íntegramente desenvolvidos coa implementación libre de calquera linguaxe de programación máis a licenza elexida para o proxecto debe estar comprendida no conxunto de licenzas consideradas Software Libre polo proxecto GNU.
Unha das normas do concurso fai fincapé no uso de ferramentas para traballo colaborativo obrigando aos participantes a dispoñer dunha forxa que conte cun sistema de control de versións (svn, git, hg…) no que se vaian publicando as fontes do proxecto. Tamén deberán dispoñer dun blog, no que quedará reflectida a evolución do proxecto, así como as dificultades atopadas ao longo do mesmo.
É neste apartado, o da natureza comunitaria do proxecto, onde o concurso fai especial interese como parte da natureza do Software Libre e dos seus valores de apertura e transparencia. Se existen usuarios e desenvolvedores interesados en colaborar no proxecto a concurso dalgún xeito, ben sexa elaborando documentación, probando o software, reportando ideas, solucionando problemas, etc… significa que o proxecto crea comunidade en torno ao mesmo. Sen dúbida, un dos puntos principais máis valorados. Mais as colaboracións externas deberanse reflectir mediante as ferramentas á sua disposición (sistemas de control de versións, bug trackers, etc) polos autores do proxecto.
Para a avaliación do proxecto teranse en contra os criterios de impacto do proxecto na comunidade do Software Libre e a sociedade, a calidade do desenvolvemento e uso da forxa, a viabilidade do proxecto, o grao de finalización e finalmente o grao de accesibilidade.
IX Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre da Amtega nas Universidades galegas
Nunha escala máis local, o pasado 21 outubro fíxose entrega dos premios aos gañadores da IX edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre galegos convocado pola Amtega coa colaboración do CIXUG.

Nesta ocasión o primeiro premio recaeu en José Ángel Piñeiro Souto, da USC, co proxecto Caléndula consistente nunha ferramenta para a xestión persoal da medicación e a mellora da adherencia, integrada na operativa das oficinas de farmacia a través da Folla de Medicación Activa e do Plan de Dispensación. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA, no que partipa tamén o GPUL.
En Mancomún temos publicadas unha serie de entrevistas a galardoados de anteriores edicións. Trátase de dúas gañadoras e catro gañadores que contan de primeira man o que supuxo para eles este premio, a influencia que puido ter na súa traxectoria xa profesional, se segue ligada dalgún xeito ao software libre, e mesmo achegan diferentes recomendacións ás alumnas e alumnos que vaian facer o seu proxecto de fin de carreira.
Os entrevistados coinciden en destacar aspectos como a posibilidade de que o seu esforzo e traballo poida servir para alguén máis; as posibles portas laborais que abre contar cun repositorio aberto onde as empresas poidan ver directamente o teu traballo; a posibilidade de colaborar con outros proxectos libres e aprender do traballo en comunidade; ou simplemente unha forma de amosar interese polo coñecemento e por compartilo e o estímulo á curiosidade e a aprendizaxe autónoma.
Repositorio de Software Libre
Mancomún integra unha serie de servizos que a Amtega pon a disposición de toda a cidadanía para o fomento do software libre como o Repositorio de Software Libre de Galicia ou Forxa, no que hai rexistrados un total de 324 proxectos e que adoita ser usada repositorio para o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre.
